|

Quixemos falar cun dos membros do Comité de Sabios da Elección Histórica da Costa da Morte, a propósito da presentación dun novo libro sobre a historia da nosa bisbarra. "Os franceses en Mazaricos" lévanos de volta ao 1809, de cando as tropas de dragóns franceses de Napoleón entraron na bisbarra. Xa demos unha volta por aqueles tempos da man de Jano Lamas, cos seus artigos que formaron o Especial Bicentenario da Guerra contra os Fraceses, que serviron ademais para a edición de outro libro hstórico, este por parte da Asociación Neria, sobre aqueles feitos: Corcubión y su Jurisdicción en la Guerra de la Independeia. Hoxe subimos ata Mazaricos, para coñecer de preto un dos lugares estratéxicos daquela batalla: a Ponte Olveira. E para iso falamos cun dos co autores do libro, xunto a Juan Antonio Jurjo Otero. - Como nace a idea de editar un libro sobre a Guerra contras os franceses en Mazaricos.
Para celebrar o douscentos aniversario da Francesada á Asociación Cultural Perfecto Sande ocorréuselle que a mellor maneira para recuperar aqueles feitos históricos era plasmalos nunha publicación na que os datos de arquivo que fomos conseguindo e a memoria da nosa xente contribuíran a un mellor coñecemento daquelas xornadas cargadas de alento e esperanza. - Unha das ideas que máis se lembran ao longo deste homenaxe á Guerra da Indepedencia, foi a unión da bisbarra para enfrontarse aos franceses. Habemos tomar nota a día de hoxe do sentimento de comarca?
Dende aqueles tempos desandáronse moitos camiños: a Galicia unitaria do Antigo Réxime foi fragmentada coa chegada do liberalismo en catro provincias que tiñan máis relación con Madrid que entre elas. Outro tanto ocorreu coa creación dos concellos, a súa dependencia dos todopoderosos entes provinciais esganou ou dificultou as relacións que podían lograrse entre municipios limítrofes que tiñan características e problemas semellantes, vivindo de costas durante máis de cento cincuenta anos, polo menos institucionalmente. Nos últimos anos inténtase traballar con un sentido de comunidade de intereses pero queda aínda moito por andar. Unha comunidade de intereses que tiñan moi clara os nosos antepasados: ¡Ou nos salvamos todos ou imos todos ó tacho!. E con estas pretensións traballaron con máis ou menos sorte, con máis ou menos acerto. - Con todo, a organización militar na Costa non foi a mellor...
Non, a organización non foi boa. De tódolos xeitos, como nos lembra un observador de excepción, o oficial inglés Basil Hall, é moi difícil a vitoria para un exército popular, sen adestramento nin práctica no manexo do armamento, sen esa confianza en eles mesmos e nos seus compañeiros que soamente se logra coa experiencia e o trato continuado. Estas carencias podían ser mitigadas se contaran con uns mandos ben preparados e que foran capaces de plantexar batalla naqueles lugares onde un exército destas características tivera algunha posibilidade fronte a un continxente regular e ben experimentado. Pero non foi o caso, nin a Xunta de Corcubión, nin os chamados xenerais que dirixían as operacións, tiñan os mínimos coñecementos de estratexia para saír airosos. - Conta Juan Antonio Jurjo Otero no prólogo do libro, como foi o seu avó o que o iniciou nas historias sobre a batalla de Ponteolveira. Estamos perdendo a importancia da tradición oral nestes tempos ou nós contarémoslle estas historias aos nosos netos?
Eu coido que nunca perderemos a tradición oral, aínda que os feitos que circulan por esta tradición teñan data de caducidade. Hai cousas que nos contaron os nosos avós, que aínda que as derivemos cara ós nosos netos, seguramente non serán asimiladas, porque as épocas e as xeracións tamén teñen unha comunidade de intereses e fora deses intereses é difícil transmitir información con éxito. Por iso é moi importante que, cada certo tempo, a información que se atopa no esquecemento dos arquivos e na caducidade da memoria individual ou colectiva, se publique e pase ao esquecemento das bibliotecas, en forma de libro sempre será máis fácil que accedan a esa información aquelas persoas que teñan interese. - Fas unha descrición socioeconómica da Costa da Morte de comezos do século XIX moi detallada. Cales son os detalles que máis significativos che parecen?
Con relación a este tema coido que hai que ter en conta dous feitos capitais: o control que sobre a poboación exercían as elites e a necesidade que o propio exército francés se impuxo, de manterse, de sobrevivir a conta do territorio invadido. Este último feito moi ben instrumentalizado polas elites –no noso caso, basicamente, a fidalguía que ademais ocupaba os postos representativos dos poderes do estado e o clero parroquial- lograron que a poboación se erguera en armas a pesar do réxime de opresión e explotación no que a tivera a monarquía borbónica. - Por certo, onde podemos atopar o libro?
 O libro, ademais de estar editado pola Asociación Cultural Perfecto Sande, hai outra edición da Editorial Toxosoutos, así que nesta segunda edición coido que se pode atopar en calquera libraría. - Moito soa a Asociación Perfecto Sande "Braña" pola Costa. Como se formou? Cal é o próximo evento que tedes artelladao.
Eu non son socio desta Asociación, colaboro con ela nalgunhas actividades, o único que podo dicirche é que están pondo en pé moitas iniciativas e algunhas con moito éxito. - Que che parece a iniciativa da Eleccion Histórica da Costa da Morte? E a participación da veciñanza?
Ti antes preguntábasme polo sentido de comarca, coido que esta iniciativa está traballando neste sentido. Máis alá da persoa elixida, coido que nos aproxima a todos a uns persoeiros que non coñecíamos ou dos que tíñamos unha idea moi borrosa. Paréceme unha iniciativa extensible a outras propostas e exportable a outras comarcas. Os meus parabéns. En relación a participación, seguramente foi moi desigual. En Mazaricos bastante escasa debido a múltiples motivos que agora sería longo analizar. Elección Histórica Novas relacionadas Fonte - Redacción de QPC (
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
).
|