|

Primeiro de xullo e demos por finalizada a votación da Votación da Elección Histórica da Costa da Morte. Os lectores de QPC e de corcubion.com elixiron ao pontecesán Eduardo Pondal como o Persoeiro máis importante da Historia da Costa da Morte. Atrás quedaron os outros 13 finalistas, de entre os que destacan Manfred Gnädinger, o Alemán de Camelle. A figura de Man mantivo unha dura loita ata o último suspiro co pontecesán, e queda a tan só 50 votos. Os lectores elixiron a Alejandro Finisterre como o terceiro Persoeiro da Costa, por diante do ceense Fernando Blanco de Lema, un dos que máis soaban entre os máis importantes pero que fica na 4ª posición. Quinto temos ao corcubionés Plácido Castro Rivas, mentres que o resto de persoeiros teñen votacións case que residuais. Sorprende o baixo recoñecemento feito ao escritor zaense Enrique Labarta Pose, ao fotógrafo muxián Ramón Camaño, e sobre todo, ao químico laxense Isidro Parga Pondal, grandes figuras da nosa historia. Singradura histórica Con esta iniciativa didáctica-histórica, o equipo de QPC e de corcubion.com pretendimos facer un achegamento ao noso pasado, á nosa historia, a través dos nomes máis relevantes. Persoeiros de cada época, dende o século XVII ata outros aínda vivos, pasaron por aquí, servindo para que ollemos atrás e nos conozamos todos un pouco mellor. Participación Unha iniciativa que acadou preto de 2.000 votos. 2.000 votos que serviron para elixir quen foron os persoeiros máis relevantes dos 14 concellos da Costa, e para determinar cal é, para a comunidade virtual da bisbarra, o Persoeiro máis da Costa. O Comité de Sabios Dende o comezo sinalamos que tamén iamos pedir o pensar dos nosos colaboradores, os especialistas que elixiron aos 3 personaxes que particparon nas votacións concello a concello. Os mesmos que nos expuxeron as lendas de cada un deles. Os mesmos aos que hai unhas semanas lles rendíamos unha pequena homenaxe en agradecemento á súa desinteresada colaboración. Os vindeiros días coñeceremos o sentir do Comité de Sabios, que tamén realizaron a súa votación para elixir, o que para eles, foi a persoa máis emblemática e influinte da historia da nosa bisbarra. Elección Histórica Novas relacionadas Fonte - QPC.
- Corcubión.com.
- Fotografía de Pondal
- Fotografía de Man Luis Soto.
|