|

O Presidente Provincial do Partido Popular, Carlos Negreira, reuniuse onte, mércores 1 de xullo de 2009, cos alcaldes e portavoces da comarca de Bergantiños para repasar os compromisos do PP para coa Costa, e os obxectivos a lograr . Negreira asegurou que asume o compromiso de desbloquear todos os proxectos paralizados polo Bipartito. Negreira quere dar prioridade "aos polígonos industriais pendentes de Carballo, Laracha, Malpica ou Coristanco, a construción de escolas infantís e de novos colexios en Carballo ou Ponteceso ou as melloras na atención sanitaria". VAC e portos Negreira loubase de ter impulsado nos 70 días de goberno do PP, "a segunda fase do Porto de Malpica", así como "solucionar o desastre no que se atopaba a xestión para a construción da Vía de Alta Capacidade Carballo-Berdoias e para desbloquear o corredor Berdoias-Cee". Neste sentido, Negreira destacou que esta obra é prioritaria para o PP por considerala "a espiña dorsal do desenvolvemento futuro desta zona". O líder dos populares tamén se referiu ao Porto de Brens, o que, tras a paralización nas obras por parte do anterior Bipartito, a actual Xunta xa desbloqueou. Eixo industrial Negreira referiuse a outro dos obxectivos que, no Partido Popular, "temos na nosa folla de ruta, que é potenciar o eixo industrial Coruña-Laracha-Carballo, aproveitando as novas oportunidades que ofrecerá o porto exterior da Coruña". Para o líder provincial, este proxecto é unha materia pendente que hai que cumprir, porque o obxectivo é xerar emprego e, a partir de aí, "investir a situación dun barco que, co goberno Bipartito, navegaba retrocedendo en xeración de emprego, a un barco que xere emprego e traia prosperidade á comarca". Centros de Día Outro dos compromisos aos que o representante popular referiuse foi a que no 2013, tal e como anunciou a Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, todos os municipios de Costa da Morte terán un centro de día, empezando polo de Caracha, cuxas obras xa saíron a concurso a semana pasada. Reunións comarcais Para rematar, Negreira referiuse a que esta reunión é dos primeiros encontros entre a Dirección Provincial do partido con alcaldes e portavoces comarcais co fin de "empezar a traballar para as eleccións municipais de 2011". Neste sentido, indicou que confía en que os sete puntos porcentuais que a comarca de Bergantiños tivo por encima da media galega nas Eleccións Europeas reflíctanse nas municipais de dentro de dous anos. Non faltaron as alusións ao pouco movemento en iniciativas creadoras de emprego do goberno anterior, e falou do que entendo como "xaxún en canto a obras que xeren emprego". Negreira recordou que "a lexislatura de Touriño pasará á historia polas visitas que realizou á zona para prometer investimentos e por non cumprir nin un só dos seus compromisos". Novas relacionadas Fonte
|