|

A situación da educación infantil en Cee complícase. O peche da escola infantil privada da vila da Xunqueira, situada no edificio da IDC, cedido pola familia Marcelo Castro (na foto), pon a moitas familias nunha complicada tesitura, na que non teñen posiblidades de enviar aos seus fillos a un centro educativo. A Escola Pública Municipal non dá feito, e ao igual que aos dos concellos cercanos, ten lista de espera. Ante esta situación, xa denunciada por moitos veciños da zona, o BNG de Cee afirma que parte de culpa é do concello, que deixa "desamparados" aos veciños de Cee. Para o voceiro local, Dani Oca, é responsabilidade do concello "garantir o acceso universal á educación e ao coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos", a través de políticas sociais. De feito, o concello ten artellado para este verán un Programa de apoio á conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Pero para o BNG non é suficiente e apunta que a educación dos pequenos non pode depender "dos caprichos dunha empresa privada". Pon de exemplo todos os trámites que o BNG realizara para achegar a Galescola, e denuncia que o goberno municipal "foi incapaz de realizar a cesión de terreos necesaria para a sinatura do convenio e o comezo das obras". Nota de prensa do BNG de Cee A pésima xestión do goberno local deixa ás nais e pais de Cee desamparados O BNG de Cee defende que as institucións públicas deben garantir o acceso universal á educación e ao coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos. As políticas sociais que permiten a conciliación da vida laboral e familiar das persoas non poden depender dos caprichos dunha empresa privada. A mágoa é que o goberno de Cee non teña entre as súas prioridades as políticas públicas que realmente benefician aos cidadáns. En xuño do 2008, nove meses antes do cambio de goberno, o Consorcio de Servizos Sociais, xestionado daquela polo BNG, informou favorablemente a proposta que previamente aprobara a Corporación local de Cee para a construción da galescola. A obra estaba aprobada, o concello só tiña que levar a cabo o sinxelo trámite da cesión dos terreos que ofrecera na zona de Raíces. Nos nove meses que transcorreron até o cambio de goberno na Xunta, o goberno de PSOE e Independentes por Cee foi incapaz de realizar a cesión de terreos necesaria para a sinatura do convenio e o comezo das obras. Hai que recordar que o goberno ten dous técnicos contratados para axilizar as cuestións urbanísticas. Pero polo que se ve só se ocupan daquelas que lle interesan ao alcalde e aos responsábeis municipais de urbanismo, non das que son prioritarias para o conxunto da cidadanía. Agora o goberno local di que vai facer todo o posible para que non peche a gardería privada que hai en Cee. Lástima que non fixese o mesmo para que a nosa vila contara cunha segunda escola infantil pública. Novas relacionadas Fonte
|