|

O pasado sábado, día 24, un das nosas figuras máis relevantes no mundo da literatura actual, Modesto Fraga, ofrecía en Castrelo de Miño (Ourense) unha charla-coloquio sobre a poesía da Costa da Morte, dentro das actividades organizadas pola Asociación Cultural Nacionalistas do Ribeiro. O acto resultou sumamente fructífero a teor do interesante debate que, posteriormente, se levou a cabo e que servíu para achegar as creacións dos autores da Costa da Morte ao público asistente á sesión. O acto, enmarcado nas xornadas culturais que esta asociación leva a cabo ao longo de todo o mes de outubro, deu comezo ás 20:00 horas e tivo unha duración aproximada de 90 minutos. Modesto ofreceu un periplo plural dalgunhas das voces que conforman o noso imaxinario poético máis rico. Nese tempo, Modesto Fraga aproveitou para ofrecer unha panorámica exhaustiva da nómina de autores que, na actualidade, conforman o espectro literario da nosa bisbarra (desde Miro Villar pasando por Estevo Creus, Miguel A. Mato Fondo, Marilar Aleixandre, Paco Souto, Rafa Villar ou María Lado). Sen esquecer, porén, a obra de figuras tan senlleiras da nosa historiografía como Eduardo Pondal, Gonzalo López Abente, Enrique Labarta Pose ou Antón Zapata, entre outros. Vindo ao caso, Modesto presentou a última novidade en materia literaria da bisbarra. Trátase da antoloxía poética De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía na Costa da Morte, realizada entre Miro Villar e o propio Modesto, e publicada recentemente pola editorial Sotelo Blanco e a Asociación Neria. Ao mesmo tempo, mostróuselles aos asistentes o pioneiro proxecto virtual elaborado polo Consello da Cultura Galega (Google Earth), onde a poesía da Costa da Morte aparece recollida na súa versión máis moderna. Houbo tempo, ademais, para lembrar a inxente actividade desenvolvida na década dos anos 90 polo Batallón Literario da Costa da Morte e para ofrecer unha mostra biobibliográfica dos seus autores e publicacións máis destacadas ("Feros Corvos", "Nós", "Mar por medio", etc.). O acto literario rematou coa lectura de varios poemas de autoría propia. Máis información Novas relacionadas Fonte - Información de Modesto Fraga.
|