Venres, 05 de nadal do 2008
 
 
   
Inicio
Cabana
Camariñas
Carnota
Cee
Corcubión
Dumbría
Fisterra
Laxe
Malpica
Mazaricos
Muxía
Ponteceso
Vimianzo
Zas
Bisbarra

Os vídeos de Que pasa na Costa


Salvacadelos

Horarios autobuses Costa da Morte


Advertisement

RSS de Que pasa na Costa Semente RSS


Reportaxes realizados

Repasamos a traxectoria da Cofradía de Lira  Correo-e
sábado, 13 de octubre do 2007

Image 

O sector pesqueiro galego atópase actualmente en crise. Así o confirman ao menos os expertos. Desde a Cofradía de Lira, en Carnota se fala sen embargo de loitar contra os “malos ventos” mediante a proposta de iniciativas novidosas e singulares. Recén premiada pola Asociación Neria grazas a súa labor de promoción da Costa da Morte, esta entidade loita titanicamente contra a falta de rendibilidade do sector, o abandono crecente da profesión e o envellecemento dos traballadores, especialmente nesta zona do concello de Carnota. O éxito das súas propostas é indudable. Moitos son xa os que seguen os seus pasos.

Aínda que non existe ningún arquivo nin rexistro que reflicta a data exacta de constitución da Cofradía de Lira, os veciños da zona recordan esta entidade como un axente de desenvolvemento local “que sempre estivo aí”. Segundo os datos e declaracións, a historia podería remontarse aos anos 30 ou 40; tempo de sobra sen dúbida para facer moito ben polo sector pesqueiro da zona. O recoñecemento deste pequeno espazo non queda sen embargo no aire, xa que a propia Asociación Neria “toda unha institución comarcal” vén de concederlle un premio Faro Nerio pola súa labor de promoción da Costa da Morte.

Entre as apostas da Cofradía destacamos o seu interese por iniciar un verdadeiro proceso de cambio no sector. “Do que se trata é de desenvolver proxectos que fagan rendible e visible a actividade pesqueira, favorecendo a fixación de poboación. Hai que ter en conta que Lira é un pobo moi marcado pola emigración e polo abandono progresivo da profesión pesqueira; así como polo seu envellecemento. Isto significa ter que ofrecer alternativas, pero alternativas reais e beneficiosas”, explican. Para lograr tales obxectivos, a Cofradía de Lira propón en primeiro lugar mellorar o proceso de comercialización. “Este porto é un porto moi aillado respecto doutros importantes como o da Coruña, o de Ribeira ou o de Vigo, o que dificulta xa de principio o proceso. A nosa idea é buscar unha fórmula alternativa para que se poida facer a venda dos productos directamente entre o productor e o vendedor, sen case intermediación. De aí a posta en marcha no 2001 de lonxanet”, conta. Lonxanet non é senón unha maneira de aproveitar as novas tecnoloxías. “Do que se trata é de vender as nosas centolas, nécoras, polbos, camaróns, percebes e ourizos mediante a web, pasando só pola lonxa. Deste xeito a diversificación da oferta e da demanda favorece a subida dos prezos”, din. O grande impacto de lonxanet queda reflictido na aposta por iniciativas semellantes noutras zonas. “Aínda que nós tivemos que paralizar a idea no 2002 a causa do Prestige a cousa callou bastante e de feito, mentres nós retomamos agora esta aposta, en Portosín tratan de facer o mesmo coas sardiñas e en Corme parece que tamén están probando sorte”, comenta. Segundo membros da Cofradía, “aínda que lonxanet foi no seu día moi criticado como proxecto, nós seguimos a pensar que o futuro do sector pasa pola implicación dos mariñeiros na comercialización dos recursos pesqueiros”.

Os Miñarzos

No aspecto biolóxico a Cofradía de Pescadores de Lira tamén ten feito grandes cousas. “Xustamente o pasado oito de maio aprobouse definitivamente o noso proxecto de creación da primeira Reserva Mariña de Interese Pesqueiro para Galiza. Trátase da zona de Os Miñarzos, un espazo que vai desde a Punta de Raposeiros ata a desembocadura do río Larada. A proposta foi consensuada no seu día co resto das cofradías e presentouse no 2004 na Consellería de Pesca. Agora por fin, temos a nosa propia reserva”, declaran.

Os Miñarzos conta con dúas minireservas integrais onde está totalmente prohibida a pesca deportiva e profesional. Nestes dous espazos só se admite a intromisión por motivos científicos. “Agora mesmo o proxecto da reserva atópase en fase de balizamento, isto é sinalización. Tamén está pendente a posta en marcha dun servizo de vixilancia”, comenta. Un dos principios básicos que definen ás Reservas Mariñas de Interese Pesqueiro (R.M.I.P.) é que os propios pescadores participen activamente na súa xestión e toma de decisións. De aí que o seu órgano de xestión estea constituído pola Administración (consellerías de Pesca e Medio Ambiente) e mais polos representantes das entidades do sector pesqueiro.

As especies máis representativas na zona dos Miñarzos son: faneca (Trisopterus luscus), maragota (Labrus bergylta), congro (Conger conger), raia (Raja sp.), polbo (Octopus vulgaris), choco (Sepia officinalis), ourizo (Paracentrotus lividus), nécora (Necora puber), centola (Maja squinado) e percebe (Pollicipes pollicipes).Image

Os grandes temores

A pesar de que a Cofradía de Lira conta con grandes apoios e a súa actividade é constante e permanente en favor do sector, os grandes temores seguen vixentes, pois “sempre hai quen non pensa nas consecuencias dos seus actos antes de levalos a cabo”. A grande queixa destes momentos alude ao recente Decreto impulsado polo goberno central para favorecer a ubicación de parques eólicos mariños nas costas galegas. “Xa hai dous anos barallouse esa posibilidade e tanto as cofradías, como os mariscadores, os representantes das asociacións locais, en fin; todos, xunto coas Consellerías de Pesca e Industria nos opuxemos firmemente a isto e agora resulta que o goberno central, que non ten competencia nestas augas (xa que son de competencia autonómica), sácase da manga un decreto que contradi á voz enteira do sector pesqueiro de Galiza. Se de verdade isto segue adiante será algo moi prexudicial para nós a nivel de impacto visual e paisaxístico, a nivel productivo, a nivel medioambiental e a todos os demais niveis. Agardemos que Malpica ou Meixide non volvan a ser puntos de mira”, conclúen con certo desánimo.

Os temores son lóxicos se se ten en conta que esta Cofradía sempre vai un paso por diante respecto doutras entidades do sector. “Cada unha das iniciativas que tempos postas en marcha foi criticada. Sempre houbo voces contrarias a cada cousa que impulsamos. Co da venda dos produtos por Internet, por exemplo, falábase de ensoñación e tachábannos de utópicos e xa ves, agora outros fan o mesmo ca nós. Co da reserva pesqueira igual e sen embargo hoxe trátase de poñer en marcha unha en Cedeira e xente de O Aguiño xa nos chamou para visitarnos e interesarse por este proxecto. Incluso coa recente aposta do turismo mariñeiro, xornadas para que a xente veña e coñeza o oficio -diso xa falaremos outro día-, tamén houbo queixas e pola contra Fisterra, Laxe, Cambados e Pescanotur (que engloba aos Concellos de Marín, Pontevedra, Cangas, Pobra e Moaña) van polo mesmo camiño. O malo de ser pioneiros é que te escoitan tarde, mal e a rastras e agora co dos parques eólicos mariños a ver...”, rematan.

Fonte

  • Nova cedida polo semanario O Acontecer redactada por Ana Valín.
 

Contacto: info[arroba]quepasanacosta.com

Todos os contidos baixo Licencia Creative Commos.


Delegación en Corcubión: Galinus, Comunicación en internet



Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com