|

A última xornada do ciclo Aqueles Salóns de Baile desenvolta ó longo deste tres meses e 12 domingos, polos centros sociais e locais culturais do territorio de Cabana de Bergantiños non puido ter mellor broche de ouro para o seu peche cun cheo total nos locais de Canduas e Neaño. A cita era suficientemente atractiva para todo iso, xa que ás vellas imaxes dos salóns de baile cabaneses se lle engadía a presenza da banda de música Eduardo Pondal, dirixida por Suso de Basilio, na que tocan músicos deste concello, así como tampouco se lle di que non ós petiscos de torta de mazá e a un chupiño de viño doce. Tal coma nos vellos salóns. Ademais esta xornada serviu para que debutasen os componentes do futuro musical da parroquia de Cesullas: as Cantareiriñas de Neaño. 12 domingos de homenaxes Se ó longo de domingos anteriores se lembrou a persoeiros da poesía popular e a música cabanesa como Fermín da Feira Nova, a Antonio Méndez Farto, o párroco de Canduas ou o acordeonista Jacinto Paredes, nesta ocasión a homenaxe estivo reservada para catro músicos de banda. En Canduas recibiu o seu galardón Manuel Blanco Nantón, coñecido no mundo da música polo nome de Manuel do Carballal. O encargado de entregarllo foi o concelleiro da parroquia José María Nantón. En Neaño o recoñecemento foi por partida triple e o encargado de entregar os agasallos foi o asesor cultural do concello José María Varela Martínez. Manuela Casto Facal, viúva de José María Álvarez Canto, recolleu o galardón polo traballo que realizou o seu home como acordeonista nos salóns de baile de Neaño e Canduas. Ademais, a súa filla, María Álvarez Castro leu un texto de agradecemento por esta homeanxe. A homenaxe completouse no nome das persoas Pepe Imia e Ovidio Varela, ambos músicos dos salóns de baile cabaneses, componentes da histórica orquestra Os Bardos e actuais instrumentistas de vento na Banda de Música Eduardo Pondal. Rotundo éxito do ciclo Desde o Departamento de Cultura valórase de modo moi positivo este ciclo cultural dado que a asistencia a todos os actos foi altamente elevada e porque se rescatou unha parte da historia do concello descoñecida por moitos pero da que quedaban informantes que viviron en primeira persoa ese tempo. O departamento, comandado por Xosé Manuel Varela decatouse de "que en moitas ocasións a historia non só está nos monumentos senón tamén nas persoas". Esa foi a clave do éxito, que se refrenda da grande asistencia da veciñanza. Ademais, este ciclo non só resultou atractivo para os cabaneses, senón que tamén ó longo dos domingos acudiron veciños de Buño, Malpica, Brantuas, Baio, Laxe e Coristanco. Novas relacionadas
Máis novas Fonte - Nota de prensa do Departamento de Cultura de Cabana.
- Fotografías de Xosé Manuel Varela Varela.
|