|

O Concello de Vimainzo estreaba onte o seu monumento ao emigrante. Unha peza en bronce dun clásico home novo co maletín e unha especie de saco de durmir luce en fronte da Casa da Cultura. Acodiron á presentación moitas personalidades entre as que destcaban o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo e mais o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernandez Moreda. Escoltándoos, o alcalde vimiancés, Alejandro Rodríguez, espléndido ao longo da xornada, e mais a voceira do PP vimiancés, Carmen Borbujo. A xornada tivo ata gaitas, coma nos tempos do goberno do PP de sempre. O presidente da Xunta aproveitou para sinalar varias novidades sobre o Plan Integral de Emigración. Feijoo, logo de loubar a labor do emigrante ao longo da historia do país, apuntou que o voto será a partir de xa nunha furna, e que os emigrantes galegos nas súas estancias en Galicia poderán facer uso da tarxeta sanitaria do servizo galego de saúde. Nota de prensa da Xunta de Galicia FEIJÓO SALIENTA QUE OS EMIGRANTES CONSTRUÍRON A “GALICIA UNIVERSAL” QUE TRASCENDE DO SEU TERRITORIO E QUE, SEN PERDER A SÚA ESENCIA, SE IMPREGNA DA CULTURA DOS PAÍSES DE ACOLLIDA - “Porque os galegos estamos capacitados para compartir identidades, fomos capaces de facer unha Galicia máis global, máis plural, máis aberta e máis integradora”, destacou.
- O presidente da Xunta valora que, co Plan Integral da Emigración, se supere a etapa das accións esporádicas do Goberno galego en materia de emgración.
Vimianzo (A Coruña), 15 de decembro de 2009.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que os emigrantes construíron “a Galicia universal que trascende do seu propio territorio” e que, sen perder un chisco da súa esencia, “se impregna das achegas culturais de todos os países nos que se instalou un dos fillos desta terra”. “Porque os galegos estamos capacitados para compartir identidades, fomos capaces de facer unha Galicia máis global, máis plural, máis aberta e máis integradora”, remarcou o mandatario galego esta tarde en Vimianzo, onde presidiu a inauguración do monumento ao emigrante. O presidente da Xunta abondou en que Galicia “está e non está en Galicia” xa que, calquera que fose o seu destino, o emigrante galego “viu unha oportunidade non para deixar aquí unha Galicia máis pequena, senón para construír alí parte dunha Galicia universal”. Neste sentido, agradeceu o labor dos emigrantes por manter sempre o vínculo coa nosa terra e por inculcar aos seus descendentes, e aos seus amigos, as nosas tradicións e o amor por Galicia. “Por iso emigrantes, agradecemos e apreciamos o voso afán por ser sempre útiles, o voso interese permanente por amosar ao mundo o orgullo de ser e sentirse galegos e o voso desexo de integrarvos nas sociedades que con xenerosidade vos acolleron”, engadiu. Así, Feijóo destacou que, grazas en gran medida ao traballo dos emigrantes, os galegos somos hoxe fillos dun mundo común con vocación de establecer lazos: “formamos unha Comunidade con raíces no mundo”. O presidente galego salientou, neste sentido, a “xustiza” de que a patria lles devolva “alomenos parte de todo o que aportaron, e por iso a vontade de Galicia será sempre a de compartir soños e estreitar lazos cos nosos emigrantes”. “Así ha de ser porque Galicia está e non está en Galicia; porque hoxe Galicia fala galego e fala español, pero tamén se expresa en brasileiro, francés, inglés, alemán ou holandés. Este valor cultural é consecuencia directa da nosa experiencia como pobo emigrante e unha das nosas principais fortalezas”, engadiu. Plan Integral de Emigración, sanidade e voto en urna O presidente da Xunta destacou, no transcurso da súa intervención, a importancia de pór en marcha unha política en materia de emigración que lle dea coherencia, continuidade e compromiso á acción do Goberno galego. Así, explicou que o borrador do Plan Integral de Emigración, que se presentou no Consello de Comunidades Galegas celebrado recentemente en Montevideo, suporá un paso adiante para superar a etapa das accións esporádicas. Núñez Feijóo salientou, tamén, o avance que supón a extensión do uso da tarxeta sanitaria do servizo galego de saúde aos emigrantes galegos nas súas estancias en Galicia, unha decisión adoptada nas últimas semanas no Consello da Xunta. “Como tamén é un paso adiante cada esforzo para lograr que cada voto dun emigrante sexa exactamente igual de valorado que o dun residente no interior”, concluíu sobre o voto en urna. Novas relacionadas
Fonte
|