|

Por fin unha das paraxes máis incribles da Costa da Morte terá o seu recoñecemento audiovisual. Xa o anunciabamos a semana pasada, i é que os Penedos de Traba e Pasarela serán os protagonistas dun DVD. Os encargados de promocionar este espacio protexido son o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMSCOM) e a Asociación de Veciños de Pasarela (Vimianzo). Será este sábado día 19 cando realicen a presentación oficial do DVD "OS Penedos de Pasarela e Traba: A arte dos dedos do tempo". Unha presentación que terá lugar na localidade vimiancesa no local da A. de VV. De Pasarela, ás 19:00h. Proceso de protección da paraxe Complicado foi o proceso de protección os penedos, que ademais non sentou vén a algún dos afectados. Se ben o concello de Laxe tomou a nova moi positivamente, a nota negativa saíu do concello vimiancés. dende onde chegaron ata solicitar unha indemnización pola declaración. Foi finalmente o 11 de decembro de 2008 a Consellería de Medio Ambiente declaraba a paraxe dos Penedos de Pasarela (Vimianzo) e Traba (Laxe) Paisaxe Protexida. Con esta declaración, no prazo de dous anos desde a entrada en vigor do decreto, a Xunta de Galicia queda obrigada a aprobar un Plan de Conservación deste lugar, ademais de desenvolver un plan de acción para a súa protección, xestión e ordenación, con medidas para o mantemento, mellora, recuperación e rexeneración. Tal declaración foi realizada polo anterior goberno bipartito da Xunta de Galicia, en base a unha proposición non de lei presentada no Parlamento de Galicia polo grupo do BNG o 14 de febreiro de 2006, logo apoiada polo PSOE e polo PP. Presionando ás administracións O Seminario quere afondar no proceso de protección e fará o posible para que as administracións tomen as medidas necesarias para cumplir os obxectivos da declaración: a conserviación e a promoción de tal paraxe natural. Así, dende o Seminario formúlanse a seguinte pregunta: "¿cumprirá o novo goberno da Xunta do PP no prazo establecido coas obrigas que leva consigo esta Declaración ou volverá deixar todo a monte, no peor dos abandonos?" O Seminario cumpre, e logo dun ano desde aquela declaración, xa ten o DVD, que deberá servir por unha parte para dar a coñecer esta singular paraxe, e pola outra para recordarlles ós poderes públicos as obrigas contraídas (protección, limpeza, recuperación, rexeneración, promoción etc.). Gran espectación na presentación Moitos escritores e xornalistas galegos publicaran artigos a favor da conservación e promoción dos Penedos, e neste DVD de 23 min. de duración recóllense frases de moitos deles, xunto con extractos de poesías de Eduardo Pondal ou de Evaristo Martelo Paumán. Con todo, unha boa parte dos textos proceden da pluma do flamante novo académico Manuel Rivas, soneirán de corazón, a quen vai dedicada a obra polo moito que leva loitado a carón dos colectivos ecoloxistas a favor dos Penedos pasarelianos e trabeiros. Rivas comprometeu a súa asistencia ó acto da presentación. Tamén acudirán os catedráticos universitarios Augusto Pérez Alberti (USC) e Juan Ramón Vidal Romaní (UDC). Os dous aparecen no DVD dando a súa valiosa opinión científica sobre os Penedos. Pérez Alberti foi o autor do Informe científico encargado pola Xunta para decidir ou non a protección oficial da paraxe. O segundo ten cualificado os Penedos como unha das formacións graníticas principais de todo o mundo. Entre os entrevistados tamén aparece o presidente da Asociación de Veciños de Pasarela, Ricardo Vidal Rodríguez, que expresa a opinión dos veciños do lugar. Ó final da presentación do DVD haberá un breve coloquio no que participarán Pérez Alberti, Vidal Romaní, Manuel Rivas, un representante da A. de VV. de Pasarela e algún outro para opinar sobre o futuro dos Penedos de Pasarela e Traba. Para o acto da presentación cursáronse invitacións á Deputación da Coruña –entidade subvencionadora do proxecto Percorrendo Vieiros da Costa da Morte 2009– e ós conselleiros actual e anterior da Consellería de Medio Ambiente. Argumento No guión faise un percorrido por estas formacións xeolóxicas, con especial detemento nalgunhas das pedras máis significativas; nárrase a historia recente da paraxe, que estivo en constante perigo de destrución polos sucesivos intentos de abrir nela unha canteira (especialmente en 1997 e 2006). A loita de colectivos ecoloxistas da Costa da Morte e de toda Galicia logrou salvala. Ficha técnica - Dirección: Xosé Mª Lema / Roberto Mouzo.
- Guión: Xosé Mª Lema / Roberto Mouzo.
- Imaxe: Marcos Gallego (SAGA TV).
- Edición e posprodución: Manu G. Torre.
- Axudante de produción: Noelia Rúa.
- Narración: Matías Brea.
- Imaxes portada e contraportada: Roberto Mouzo.
- Fotos: Xosé Mª Lema / Roberto Mouzo.
- Mapas: Laboratorio Xeolóxico de Laxe; Roberto Mouzo.
- Tradución ó castelán (subtítulos): Marta Rei Lema / Xosé Mª Rei Lema.
- Produción de SAGA TV.
A realización desta obra foi posible grazas ao Proxecto Singular Percorrendo vieiros da Costa da Morte, aprobado pola Deputación Provincial da Coruña. A foto de arriba pertence a Xosé María Lema Suárez, que ilustra o mes de decembro no Calendario dos Penedos para o 2009, que artellou o propio Seminario. Novas relacionadas Fonte - Redacción de QPC (
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
).
|