|

O peche das oficinas costeiras, e en toda Galicia, do Instituto Social da Mariña, está creando certo malestar no sector. E esta semana o BNG, a través do seu portavoz no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, vai levar a voz do sector ao Parlamento. Presentará unha iniciativa na que denuncia o peches das oficinas en diversas localidades costeiras de Galiza. En concreto, lembra que a entidade dependente da Secretaría Xeral da Seguridade Social pechou o pasado 26 de novembro a oficina de Muxía e agora está previsto tamén o peche das de Fisterra e Laxe. "Servizo fundamental" Francisco Jorquera demanda que se manteña a prestación de servizos “porque é fundamental para o mantemento da actividade pesqueira en moitas vilas galegas” . Jorquera considera “cando menos, discutíbel” a xustificación do ISM de que hai unha caída no número de traballadores do mar, de que hai poucos funcionarios e polo tanto hai que centralizar e racionalizar a actividade. Neste sentido, o deputado do BNG subliña que “non negamos o feito de que houbo unha redución no número de traballadores do mar e de que hai algunhas sedes do ISM que poderían ser tamén aproveitadas para instalacións sociais e sanitarias”. Sen embargo, considera que “tamén é certo que non se debe suprimir un servizo vital para o mantemento da actividade pesqueira, xa que as oficinas do ISM tramitan baixas, altas, xestionan o pagamento das pensións...etc.”. Alternativas Por iso, Francisco Jorquera demándalle ao Goberno que manteña o servizo mediante outras alternativas, como é a prestación do mesmo durante determinados días da semana en cada localidade. O deputado do BNG lémbralle ao Goberno “que a supresión do servizo agravaría a xa precaria situación dos traballadores do mar, cos problemas de desprazamento a través dunhas comunicacións precarias que terían que padecer para realizaren xestións imprescindíbeis para o seu traballo”. Máis información
Novas relacionadas Fonte - Nota de prensa do BNG comarcal.
|