|
A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño – dependente da Consellería de Economía e Industria – xa ten preparado o calendario de formación especializada para artesáns que se desenvolverá durante o primeiro semestre de 2010. Trátase dun total de 22 cursos de formación relacionados con diferentes técnicas coma o téxtil, a xoiería, o encaixe, a madeira, o gravado, a cestería, a pedra, a cerámica ou a fotografía. De todos eles, parte do de Encaixe, como non podería ser doutro xeito, desenvolverase en marzo na Costa da Morte. Encaixe en Muxía Como xa ocorreu en anos anteriores, o encaixe é unha das actividades máis solicitadas polos artesáns. É por isto que se celebran tres cursos de perfeccionamento do encaixe galego do 1 ao 29 de marzo e de 50 horas de duración, en Quintáns, Moraime e Muxía e que estarán impartidos por Irma Pazos Calo, Nieves Pérez Lema e Marina Antelo Lema, respectivamente. Liñas de formación A formación é unha das liñas estratéxicas de actuación que está a desenvolver a Consellaría de Innovación e Industria en materia de artesanía, e a través da súa Dirección Xeral de Comercio, co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento do sector artesanal galego. Estas actividades de formación están dirixidas principalmente a artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia aínda que, en función da dispoñibilidade de prazas tamén, poden participar afeccionados e interesados en artesanía. Máis información Os interesados en participar nestes cursos de carácter gratuíto deberán inscribirse a través da páxina web www.artesaniadegalicia.org. Novas relacionadas Fonte
|