O pasado sábado 19 de decembro tivo lugar na escola de Pasarela a presentación do dvd "Os penedos de Pasarela e Traba, a arte dos dedos do tempo", editado polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte. O dvd foi escrito e dirixido por Xosé María Lema e Roberto Mouzo (vémolos na foto), e realizado por Marcos Gallego (e o seu equipo da produtora SAGA TV). Ao acto de presentación sistiron máis dun cento de persoas, que ateigaron as dúas salas que dispuxeron os organizadores, con retransmisión simultánea. O público era na súa maioría de Pasarela, o que engade valor ao acto; mais tamén se achegaron do resto do concello vimiancés e do veciño de Laxe, e incluso doutros lugares da Costa da Morte. Entre as personalidades destacadas no acto figuran o escritor Manuel Rivas, o portavoz parlamentario do BNG Carlos Aymerich, o alcalde de Laxe Antón Carracedo, os concelleiros do BNG de Vimianzo Manuel Antelo e Fernando Mancebo, o secretario de Neria Xan García, ou os investigadores Xan Fernández Carrera, Manolo Vilar e Xosé Mª Méndez Doménech. Abriu o acto un dos autores, Xosé María Lema, agradecendo a presenza dos asistentes, así como a todos os que colaboraron na súa elaboración. A continuación procedeuse ó proxectado do dvd, que polos comentarios posteriores foi do agrado do público. A seguir, Xosé Mª Lema e Roberto Mouzo falaron brevemente de como se elaborou este traballo, e de cales eran as súas perspectivas de futuro para este enclave. Sobre isto último tamén opinaron o catedrático Vidal Romaní e o presidente da A. de VV. de Pasarela Ricardo Vidal, mostrando as súas esperanzas de que a Xunta cumpra as súas promesas de poñelos en valor nun prazo de dous anos logo da súa declaración como Paisaxe Protexida. Próximo certame de poesíaServiu o acto tamén para anunciar a próxima celebración dun "Certame de poesía sobre os penedos de Pasarela e Traba" organizado polo Seminario de Estudos Comarcais, e do que nos vindeiros días se coñecerán as súas bases para todos aqueles que queiran participar. Si adiantaron que se crearían categorías para os rapaces e outra para os adultos, con importantes premios. Tamén se anunciou a próxima presentación do "Calendario 2010" deo Seminario de Estudos Comarcais, este ano dedicado ós mellores hórreos ou cabazos da Costa da Morte. Rematada a presentación os asistentes puideron comentar as súas impresións ó redor duns pinchos ofrecidos pola Asociación de Veciños de Pasarela. Datos técnicos Cunha duración duns 23 minutos aproximadamente, atopamos no dvd un percorrido polo emprazamento dos penedos, as características destas singulares formas pétreas, a importancia que lles deron destacados escritores (Pondal, Evaristo Martelo, Otero Pedrayo, Manolo Rivas...), as dificultades para a súa conservación cos intentos de construír unha canteira, as loitas sociais e veciñais para a súa salvación e posta en valor, a descrición das pedras máis singulares, a declaración dos penedos como Paisaxe Natural Protexida pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia que tivo lugar o 11 de decembro de 2008, e os proxectos de rendibilidade turística e económica dos penedos a partir desta declaración da Consellería. Contouse no dvd coa colaboración dos catedráticos Augusto Pérez Alberti e Xoán Ramón Vidal Romaní (das universidades de Santiago e da Coruña, respectivamente), do presidente da Asociación de Veciños de Pasarela, Ricardo Vidal, e do escritor Manuel Rivas, autor do manifesto lido na marcha pola salvación dos penedos de xuño de 2006. Ademais, o dvd dispón da posibilidade de velo con subtítulos en castelán. Novas relacionadas Fonte - Crónica de Xosé María Rei Lema.
- Fotografías cedidas por Marta Rei Lema.
- Redacción de QPC (
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
).
|