|
Xa está asinado o contrato para a rehabilitación do dolmen de Dombate. Un dolmen que pasará a formar parte dun centro de interpretación, con dous edificios ao seu redor. A empresa que asinou o contrato coa Deputación da Coruña é Construcións en Pedra Sigrás, e contará cun orzamento de 1.514.492 euros. O prazo de execución é de 10 meses, e a previsión é que as obras iníciense a mediados de xaneiro. Por tanto, agárdase que se poidan inaugurar as instalacións no ano Xacobeo. Sinatura O documento administrativo foi rubricado hoxe, na sede da institución provincial, polo seu presidente, Salvador Fernández Moreda, e o responsable da empresa construtora, Antonio Ramos Reboredo, asistindo tamén ao acto o deputado provincial, e responsable da área de Contratación, José Manuel Pequeno Castro. Proxecto O proxecto para a recuperación de Dombate foi redactado polo arquitecto Francisco Vidal. No documento contémplase a construción de dúas edificacións independentes, unha para protexer o dolmen e outra que albergará o centro de recepción e interpretación do monumento. O primeiro inmoble resólvese cunha cuberta a catro augas, con estrutura de madeira, que apoia sobre alicerces metálicos e cubrición de cobre. Esta edificación ocupará unha superficie de 900 m2 protexendo o dolmen e o seu túmulo. A formulación estrutural posibilita xerar un zócalo transparente, que permita seguir contemplando o monumento na súa contorna. Ao redor do mesmo unha pasarela, circular permitirá a visión próxima. A opinión do arquitecto Para Francisco Vidal, "un dos principais obxectivos a conseguir, é que as condicións climáticas no monumento sexan as idóneas, rebaixando a elevada humidade existente no interior da cámara e así manter un microclima adecuado no recinto da forma máis natural posible. Drenaxes profundas e superficiais, así como a disposición de lama de protección solar e mecanismos de regulación da ventilación natural, son sistemas que se contemplan para conseguilo, e para protexer as pinturas do túmulo". O edificio do centro de recepción exponse como o limiar de entrada ao recinto. Nel, situaranse: o control, a información, a exposición didáctica, aseos, almacén, etc; dispondo dunha superficie aproximada de 300 m2. O cerramento resólvese con fachadas ventiladas e revestimentos en lama de madeira. A fragmentación do seu volume axudará a manter unha escala adecuada e integrar o edificio na súa contorna. Este acollerá un espazo museístico para que os miles de visitantes que acudan poidan coñecer a cultura megalítica. Novas relacionadas Máis novas Fonte - Nota de prensa do Gabinete de Prensa da Deputación da Coruña.
|