|

Volve á actualidade o debate sobre a necesidade de crear unha lonxa comarcal na Costa. E desta volta vén incentivado pola situación que se está a vivir en Laxe, onde levan case un mes sen subastar por mor dun conflito entre un grupo de armadores e os xestores da confraría. A ausencia de subastas no último mes débese a que a maioría dos armadores dos barcos de altura do porto laxense, néganse a cumprir algúns dos requisitos que impuxo o patrón maior, José Manuel Barcia. O cabildo da confraría puxo un contrato a disposición dunha vendeduría o pasado mes de agosto pero non chegaron a un acordo, o que provocou que dende entón tódalas vendas se realicen de xeito legal. Isto deriva en que eses barcos vendan as súas capturas noutras lonxas como as de Malpica ou A Coruña, onde non se declara unha boa cantidade do peixe vendido. Saen perxudicadas nesta operación as embarcacións de baixura, xa que coa marcha das mercadorías, tamén marchan os compradores cara outros portos e atópanse na obriga de darlle saída ó seu peixe por outras vías fora da lonxa local. Na tarde do pasado luns, 28 de decembro de 2009, puidemos ollar o retrato dunha lonxa inactiva (foto) onde todo estaba baleiro máis non solitario. Nos exteriores do peirao atopamos un grupo de armadores de embarcacións de baixura que nos comentaban o complicado da situación. “Os armadores dos barcos grandes non queren vender aquí porque as condicións lles son máis vantaxosas en Malpica ou na Coruña e aquí os perxudicados somos nós”. Os traballadores da baixura láianse de que se teñen que levar o peixe a outros portos, deben afrontar uns gastos a maiores en concepto de guía, transporte e outros asuntos, o que provoca que os beneficios sexan menores. Apuntan tamén que a mellor das solucións non só para Laxe senón para boa parte da Costa, sería a creación dunha lonxa comarcal “aínda que fose en Vimianzo”. “Moitos dos cartos que se recibiron da Unión Europea foron empregados para remodelar ou construír diversas lonxas en toda a zona cando se se centralizara todo, non sairía perdendo ninguén”, sostiñan. Así as cousas, non semella que o conflito estea en vías de solución, pois durante este último mes as distintas reunións celebradas coa intención de poñer fin ó problema remataron cos ánimos moi caldeados, acusacións por ámbalas dúas partes e sen ningún tipo de acordo. Por se fose pouco, unha nova mostra de como está a situación é o que acontecía o pasado 19 de decembro, cando a lonxa amencía con pintadas pedindo a dimisión do patrón maior. Novas relacionadas Fonte - Redacción de Fran Lago para QPC.
|