|
Poucas entidades hai tan activas na Costa da Morte como a Confraría de Lira, e non só activas senón tamén e sobre todo emprendedoras. Se a semana pasada falabamos desta institución polo seu merecido premio ‘Faro Nerio’, así como polas súas propostas pesqueiras a nivel local; desta vez cabe destacar a súa recente incorporación ao mundo turístico baixo a man da sinatura ‘Viajes Marsans’. “Do que se trata é de ir introducindo as palabras Costa da Morte e pesca no mundo turístico”, explican fontes da Confraría. “A idea é deixar claro que, aínda que Galicia non conta co mellor tempo do mundo, os visitantes e turistas poden disfrutar doutras opcións como por exemplo un día pesqueiro”, continúan. “E en que consiste isto?, preguntaraste. Pois moi sinxelo, en ofertar a través desta axencia de viaxes pequenos paquetes turísticos dunha xornada en altamar. O interesado vén, achégase ata Carnota, ata Lira concretamente, e móntase nun barco e vive xunto co patrón do barco e os traballadores un día na vida dun barco pesqueiro. Os mariñeiros colaboran voluntariamente con nós, e por certo con moito agrado, e fan para estes visitantes de guías. Deste xeito, calquera, sexa de onde sexa, pode saber e saborear Galicia desde unha das perspectivas que máis o definen, a costa, O MAR”, engaden. Esta actividade porase en circulación moi pronto e suporá un pequeno investimento para os interesados a cambio de coñecer de primeira man as artes antigas da pesca e os meigallos das mareas. “Si, trátase dunha oferta dun día enteiro. A subida ao barco é a primeira hora da mañá e a chegada a última da tarde”, aclaran. Con carácter didáctico
Outra das grandes apostas da Confraría de Pescadores de Lira é a do taller de pesca para nenos en idade escolar. Aínda que esta aposta leva en marcha desde o 2003, cabe destacar o seu grande éxito na comarca a pesar das graves circunstancias vividas a causa do Prestige. “Isto facémolo a través de ISCAR desde hai catro anos e a cousa funciona moi, moi ben. Penso que sendo como somos unha localidade pesqueira, un concello pesqueiro, un municipio pesqueiro e unha comarca pesqueira é fundamental que os pequenos, que serán o futuro, saiban, comprendan e amen o que lles é propio”, declaran. Este proxecto, que recibe o nome de Mardelira está aberto a todos os colexios interesados, incluso aos de fóra do territorio e da Comunidade Autónoma. “Do único do que se trata é de concienciar aos rapaces da importancia de coidar o noso entorno, de respectar o medioambiente e as vellas tradicións da nosa terra”, contan. En igual medida funciona Mar de Lira. “Si, así como sona, igual que o outro pero separado. Isto é o mesmo pero para os adultos cun deseño de roteiros vinculados ao mundo da pesca e do mar. Un dos principais referentes destes itinerarios e a Caseta de Pepe o Cuco, unha caseta dun pescador que nós adaptamos museoloxicamente”, rematan. Logo de todo o contado, podería pensarse que á Confraría de Lira xa non lle queda nada máis por facer, pero non, eles aínda pensan en máis posibilidades. “Isto todavía non é firme pero tamén estamos argallando algo sobre a posta en marcha dun programa de pesca deportiva sustentable. A ver que sae de aí”. Fonte - Nova e imaxes cedidas polo semanario O Acontecer redactada por Ana Valín.

|