|

Preto de mes e medio levan os veciños de Laxe sen escoitar o son da serea que puntualmente cada tarde, ás 17:00h, viña anunciando o comezo da subasta de peixe na lonxa da localidade. Ata o día de hoxe, xa que este luns, 18 de xaneiro de 2010 volven as vendas á lonxa laxense. É fano logo dun longo e tenso conflito entre un grupo de armadores e os xestores da confraría. Lembramos que o motivo da discordia foi o xeito de desenvolver as vendas. O patrón maior, José Manuel Barcia, ofreceu o pasado verán un contrato a unha vendeduría pero non chegaron a un acordo. Isto desembocou nun regreso ó pasado, onde a subasta era tarefa dos funcionarios da Xunta que se atopan no pósito local. Esta situación non acadou o parabén dun grupo de armadores dos barcos de altura, que ao considerar máis vantaxosas as condicións nas subastas a través dunha empresa vendedora, optaron por levar as súas mercadorías a outros portos onde seguen dito sistema, como Malpica ou A Coruña. A marcha do peixe provocou que os compradores deixaran de acudir ao peirao. Celebráronse varias reunións nas últimas semanas coa intención de dar saída ó problema mais os enfrontamentos agraváronse. Agora semella que os dous bandos chegaron a un acordo xa que a confraría vén de anunciar a reanudación das vendas a partir de hoxe luns. De tódolos xeitos, o panorama non é doado xa que descoñécese cal vai ser a resposta do sector. A subasta está anunciada pero queda por determinar se os compradores van regresar á cita coa venda. Por se fora pouco, a economía da lonxa pasa por un mal momento, pois nos últimos tempos non houbo ingresos mais si os gastos correspondentes. E todo no transcurso da campaña de nadal, unha das máis importantes no eido do mar. Do xeito que sexa, hai uns días asistimos á creación da Plataforma pola Cofradía de Laxe Libre, que naceu coas intencións de loitar por manter viva a confraría e polos seus intereses, en vésperas dunhas eleccións na confraría. Eleccións que estaba previsto que se celebraran o pasado venres, 15 de xaneiro, e nas que se ía escoller persoal para cubrir dúas vacantes, máis éstas non se celebraron. Segundo o patrón maior, as eleccións estaban fixadas nesa data mais é necesario contar cun permiso da Consellería do Mar para que se desenvolvan e a Xunta nestas datas aínda non deu luz verde para a celebración dos comicios, cando segundo José Manuel Barcia, solicitóuse dita autorización no mes de setembro. Novas relacionadas Fonte - Redacción de Fran Lago para QPC.
|