|

A dimisión de Belén Pequeño como concelleira de IxCee, está traendo unha serie de respostas nos distintos grupos municipais. A que fora Delegada de Protección Civil e Tráfico do Concello ceense, deixou o seu cargo o venres 9 de xaneiro, deixando en minoría ao grupo de Goberno actual, con 2 concelleiros sobre 4 do PSOE. A Concelleira, pese a súa dimisión, non deixa a súa acta, continuando como parte da Corporación Ceense, na situación de Concelleira non adscrita. A opinión do compañeiro de goberno: o PSOE Para o PSdG-PSOE, compañeiro de goberno de IxCee, esta dimisión crea un momento de "desestabilidade na Formación Política dos Independentes por Cee". Para os Socialistas, a dimisión "vén dada polas diferenzas internas no seu Grupo Político e co seu Líder, Ramón Vigo". O PSOE denuncia que Pequeño debería deixar o seu cargo de concelleira, argumentando que foi elixida por uns "votos que foron a un grupo, non a unha persoa". Así, afirman que "porán baixo vixilancia o novo estado da Coalición do Goberno Local, esperando ver como transcorren os acontecementos". A oposición opina O BNG tamén ten algo que dicir ante a dimisión. O BNG apunta as razóns que daba a edila, "que alegaba que a súa saída do goberno respondía únicamente a diferenzas coa alcaldía, por tratos de favor en expedientes sancionadores de tráfico". Ao ver do BNG, "a concelleira acusou directamente ao alcalde de practicar o amiguismo na resolución das multas de tráfico". Unhas acusacións, ao seu modo de ver, "moi graves", que "ata agora non foron rebatidas polo goberno local". Tan graves que o BNG convida á edila a levalas ao xulgado. Fai súas así o BNG as denuncias da edila e aseguran que "o BNG de Cee leva xa tempo recollendo queixas de veciños/as por este tema, así como de tratos de favor no acceso aos traballos do concello ou na adxudicación de obras". Por isto, o BNG insta ao alcalde a entrar no fondo do asunto e pregúntase "se houbo ou non trato discriminatorio na tramitación das multas por parte dos axentes, e por que foi apartada das patrullas de rúa, a persoa que con máis celo cumpría o seu cometido". Novas relacionadas Fonte - Redacción de QPC (
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
).
|