|

3 foron as notas de prensa que chegaron a semana pasada arredor do Polígono Empresarial de Vimianzo. A primeira, do PP vimiancés, que afirmaba que a Xunta melloraría as condicións do polígono, permitindo ademais a recepción do mesmo por parte do concello. As respostas do PSOE comarcal e do BNG non se fixeron agardar. A visión do PP A portavoz municipal do Partido Popular, Carmen Borbujo, afirmaba ter conseguido "o compromiso por parte da Xunta de Galicia para acometer a mellora da traída de augas que prestará servizo ás empresas que se instalen no parque industrial de Vimianzo". Borbujo sinalou que "o Polígono Industrial aínda non foi recepcionado por parte do concello, xa que a empresa impulsora das obras (Chan Empresarial do Atlántico) non cumprira o seu compromiso de aumentar do caudal de auga para dar abastecemento ás parcelas". Ante esta situación de bloqueo, a portavoz popular pediu ao Conselleiro de Medio Ambiente que asumise o proxecto "para non atrasar máis a posta en marcha dunha infraestrutura fundamental como é o polígono, e traballar para que comecen a instalarse empresas". Medio Ambiente ampliará o diámetro das tuberías, no que, a xiuzo da voceira, trátase dunha acción que demostra a "vontade política por parte da Xunta" para co polígono vimiancés. O PSOE denuncia "pasividade" Pola contra, os Socialistas da Costa da Morte, que non o PSOE vimiancés, envía unha nota denunciando "a pasividade e a falla de interese da Xunta para reactivar o parque". Para o PSOE, a "acción política deste goberno defínese en confusións, enganos e manipulación da realidade". Así mesmo instan á Xunta a que cumpran "tódolos compromisos e promesas electorais e que deixen de enganar os empresarios que seguen agardando as rebaixas no prezo do metro cadrado". O PSOE afirma que "é necesario que as instalacións do parque estean en condicións óptimas para que os empresarios se asenten pero o que é imprescindible é que os empresarios poidan adquirir as parcelas e que dende a Xunta garantan liñas de axuda específicas". Aseguran ademais que "o único que hai de momento que vai beneficiar a empresarios da Costa da Morte son as axudas do plan de reindustrialización do Ministerio de Industria". A visión do BNG Afírmanse "preocupados" dende o seo do BNG vimiancés, xa que entenden as últimas novas sobre o asunto como unha nova demostración de "falta de transparencia e información á Corporación e á veciñanza de Vimianzo". Non entenden porque non se informou dende a alcaldía dos motivos de non recepcionar as infraestruturas públicas do parque por parte do concello. “Malamente se poden instalar empresas no parque senón hai abastecemente de auga”, di o portavoz municipal do BNG. “O alcalde debe explicar o porque de non recibir a obra”; engade Manuel Antelo. Ao respecto dos problemas de abastecemento de auga o BNG di que "era coñecida a modificación do proxecto inicial que prevía utilizar a captación municipal para abastecer o parque, e que foi feita porque o caudal de captación era insuficiente para atender a demanda do consumo doméstico e a do parque empresarial". Neste senso non entenden os nacionalistas as declaracións da representante do PP. “O concello non pode aceptar que se volva á idea de utilizar a captación actual de auga municipal para abastecer ao parque cando se demostrou que non hai caudal suficiente” di Manuel Antelo; “con esta decisión ponse en perigo a suficiencia de auga para o abastecemento doméstico”, engade. Os nacionalistas entenden e comparten as preocupacións dos empresarios sobre o parque empresarial. “O PP engañou aos empresarios con promesas falsas de reducción do prezo das parcelas, chegando a prometelas a 35€ o metro cadrado, e agora non fai nada”, di Manuel Antelo. Novas relacionadas Fonte - Redacción de QPC (
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
).
|