|

A asignación de subvencións para as asociacións nos concellos da bisbarra sempre son fonte de críticas. Unhas veces por máis, unhas veces por menos, as axudas dos concellos deberían convocarse a comezo de ano, unha vez presentados os proxectos prantexados, para que as asociacións poidan saber de cantos cartos dispoñen para cada actividade. A situación vese complicada por exemplo, en concellos como Malpica. Segundo denuncia o BNG, boa parte das asociacións activas do Concello reciben tan só 1.000€ anuais. Poucos cartos, e que ademais chegan tarde, segundo apunta o voceiro do BNG, Roberto García Ferreiro. Un García Ferreiro que reclama que o Concello axilice o pagamento de devanditas subvencións, poñendo como exemplo que aínda hai varias asociacións que non cobraron as axudas do pasado 2009. Atraso no pagamento Para o BNG malpicán, "o atraso no pagamento das subvencións ás diversas asociacións da localidade é maior incluso que outros anos". Denuncia que unha práctica xa “tradicional” é que se lles avise na última semana do ano para que xustifiquen o importe concedido en poucos días. Por iso o BNG non entende "que o Concello non teña concluídos os trámites para o pagamento de subvencións". O reparto de subvencións faise mediante un acordo da Xunta de Goberno Local, onde o goberno pode sacar adiante as cuestións que considere. Por iso, a xuzo da oposición "non se xustifica que este acordo se tome na última xuntanza do ano (a correspondente ao 22/12/2009) o que leva a que aínda hoxe non estean rematados os trámites oportunos". Novas relacionadas Fonte - Nota de prensa da man de Roberto García Ferreiro, Portavoz municipal do BNG de Malpica de Bergantiños.
|