|

Fai hoxe cincuenta anos que todo Laxe tremaba coa nova de que a Pedro alguén con puñal mataba. Pedro, tremendo gallardo; un gallardo trapalleiro, pois a Remedios burlaches con maneiras de embusteiro. Remedios, a solteirona, Remedios, tan esixente, que xa nin miraba aos mozos, sempre altiva a súa frente. Ata que unha mañá ao pobo Pedro chegaba, abría unha gran xoiería e a Remedios conquistaba. Era diferente a todos, era todo un cabaleiro; dicía a nai de Remedios: "e por riba ten diñeiro". Un noivado de dez meses, unha voda sinalada. E dende ise momento, unha muller entregada. Ese corpo poderoso, esa femia apasionada, os desexos, desatados... ¡Remedios, a recatada! A seis días para a voda unha traxedia acontece, pois con todo preparado, o noivo desaparece. Pedro, estafador de amores, Pedro, gallardo embusteiro, que so deixou unha carta no seu negocio xoieiro. Remedios, a solteirona, ese corpo poderoso, que pasea polas rúas allea ao pobo chismoso. A xigantesca vergonza e ampliamente derrotada por unha rabia infinita ao ter sido estafada. Dous anos pasan e niso: "Vin a teu Pedro en León", unha prima lle relata, dándolle a dirección. Remedios clama vinganza, por elo viaxa ata Vigo e contrata a un portugués a través dun coñecido. Era un portugués valente, era un portugués malvado; recibido medio prezo, o trato queda selado. Un portugués aceirado, un aceiro ao corazón, unha vida abandonada: finou un gallardo en León. Tralo crimen, as pesquisas. O portugués, detenido. Aínda conserva o puñal, puñal vermello tinguido. Antes do xuicio, presión para atopa-lo inductor; o forte interrogatorio soporta con gran valor. Remedios sufre na vila temendo unha confesión, pero o portugués resiste, rematando na prisión. Trinta anos de condena que se quedan na metade, pois o portugués portouse con corrección e humildade. Folerpas de tempo fixeron seu cabelo branquear, pero a mirada valente ninguén a poido afastar. Na porta da súa casa, unha muller poderosa: é Remedios con un sobre e na outra man unha rosa. "Toma a metade do trato" "E o outro ¿é a propina?" "A flor, portugués, mereces, que xa tiveches a espiña". Catro ollos descubrindo tres lustros de conexión, dúas almas que se entreabren, un bico de gran pasión. Hoxe viven en Camiña, e persiste seu amor. "¡Ay, meu portugués valente!" "¡Ay, Remedios, miña flor!". - Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.com)
Relatos anteriores Máis información Fonte - Redacción de QPC (
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
).
|