 Todos aquí sabemos, que o frío, cando chega, entra nesta vila polo Río da Arnela. Xúntase todo na Chousa dos Pratos, e alí, arredor da fonte milagreira, colle bríos, e deixase escorrer polo val de Bostelo abaixo, recorrendo os carreixos que, desde moi cedo, están bacíos. Non temos costume neste sitio, de ver a neve, nin o ceo azul, nin sequera a negra noite, porque todos aquí, miramos sempre para abaixo. Non se gana nada mirando para riba, e, en todo caso, cando algo se gana, nunca é nada bo. A nosa vida depende do que hai da nosa cabeza para baixo. O noso mundo é o mundo da xiada. Vivimos arrastro e morremos máis arrastro aínda; solo por que desde que nacemos ensináronnos a vivir de este xeito, e nós, por medo a levantar a cabeza, así llo ensinamos aos que nacen. E pasan os anos, e pouco a pouco, van desaparecendo as árbores, os paxaros, as nubes, as estrelas, e, cando pasan mais anos, solo quedamos nós, e os camiños, e os regatos, e os lagartos e as serpes, e as pedras e o mar. E cando miramos ao lonxe no mar, non vemos mais que mar e nada, nada e mar. E cando miramos ao lonxe na alma, non vemos mais que mar e nada, nada e mar. Pero neste mundo, no noso mundo, no mundo que vemos, todo muda. E ao igual ca centola ou que a serpe, Tucho de Lucinda, mudou de parecer de un día para outro, e avisoulle a funeraria, que el, ia ser o primeiro en enterrarse mirando pra riba. Foi un escándalo, e a súa propia familia foi a primeira en virarlle o lombo, non tardando o resto dos veciños en seguir a mesmo rumbo. A ninguén estrañou a súa repentina morte, e, tampouco ninguén, nin sequera o seu can, chorou. Hoxe as cinco da tarde, asistimos todos aos seu enterro, todos sen faltar ninguén, porque todos quixemos ver, a Tucho de Lucinda entrando no outro mundo, ca cabeza ben alta…pero mirando pra baixo. Diolo teña na gloria. Novas relacionadas Historias anteriores Fonte
|