Xoves, 18 de marzo do 2010
 
 
   
Inicio
Cabana
Camariñas
Carnota
Cee
Corcubión
Dumbría
Fisterra
Laxe
Malpica
Mazaricos
Muxía
Ponteceso
Vimianzo
Zas
Bisbarra

Os vídeos de Que pasa na Costa


Salvacadelos

Horarios autobuses Costa da Morte



RSS de Que pasa na Costa Semente RSS


Reportaxes realizados

Advertisement
A esquecida memoria de López Abente  Correo-e
miércoles, 03 de febrero do 2010

Xoán Silva Pazos:Image

  • "Como referente cultural e literario fundamental no País, a Costa da Morte nunca calou a pesares do escuro esquecemento ao que se viu sometida ó longo dos séculos. Nesta costa asoballada pola dor e o silencio, as verbas dos poetas soan libertadoras, quizais porque son fillas do Océano que as enxendrou. Ese é o sentido desta columna, o de traer á superficie, dende a miña ollada de fisterrán e filólogo en potencia, o son co que se elevan as voces dos escritores da nosa comarca. Trátase dunha homenaxe, en definitiva, ás nosas letras: berros de salitre que soan na Historia como cando ronca o vendaval entre os penedos".

Deixemos que as mesetas,Image
irtas e trigueiras,
ergan roxas bandeiras
a toque de trompetas,
que para nós abonda
un sinxelo altar
nunha furna fonda
da beira do mar,
ou na soberana
pas dunha montaña.
de Decrúa (1966)

Falabamos a semana pasada dun dos grandes poetas da Costa, e desta volta quixera seguir navegando polo noso pasado literario para avantar un pouco cara ó sur, ata a vila de Muxía na procura doutro dos grandes príncipes das nosas letras. O motivo é que coñeciamos fai uns días a nova de que . De cristalizar esta iniciativa, sería unha gran noticia para a nosa comarca, e ademais unha cuestión de xustiza. I é que, incomprensiblemente, a obra deste escritor é unha das máis descoñecidas da comarca a día de hoxe, e o Concello de Muxía semella non ter feito moito nos últimos tempos para mudar esta situación. Esperemos que a iniciativa, proposta por algúns persoeiros como X.H. Rivadulla Corcón, non fique en saco roto.

Gonzalo López Abente, poeta, narrador e dramaturgo, naceu na Vila da Barca no ano 1878. Ao igual que Pondal, trasladouse moi novo a Compostela para estudiar dereito, para logo realizar abundantes  viaxes por Europa e América, colleitando experiencias que de seguro foron necesarias para a conformación do seu intenso espírito crítico. Logo de diversos roteiros polo mundo adiante, López Abente volveu á súa vila natal, onde comezou unha inxente labor política que lle prodigaría tantas ledicias coma desgrazas. Así, exerceu como banqueiro e coma xuíz, sendo un dos maiores abandeirados do nacionalismo da Costa da Morte.

Atopámolo no ano 1916, asinando xunto ós pesos pesados do nacionalismo galego, a acta fundacional das Irmandades da Fala da Coruña. Ao longo dos anos vinte, acudiu como representante da Costa da Morte nas asembleas nacionalistas e rematou por afiliarse ó Seminario de Estudos Galegos no ano 1925. O seu contacto con estes grupos iniciais do nacionalismo galego fixo que sentira unha gran simpatía pola corrente agrarista, levando esta tendencia á súa obra. Así, na súa poesía de preguerra seguíu as pautas marcadas por Ramón Cabanillas e a súa “poesía da raza”, desprazándoa, iso sí, cara a unha visión máis mariñeira. Nesta liña encádranse as súas obras poéticas dos anos vinte: Escumas da ribeira, Alento da Raza, De outono e Nemancos. Simultaneamente, era habitual ver publicados traballos seus en revistas como A Nosa Terra, Ronsel e, por suposto, Nós.

Neste período anterior á Guerra Civil, López Abente amosaba abertamente uns ideais políticos de esquerda, loitando pola oficialidade da nosa lingua e pola aprobación do Estatuto. Por iso, cando estalou o conflito, viuse en serios problemas que, por sorte, só o levaron a perder o seu traballo de xuíz. Logo da guerra, e trala victoria do bando franquista, abandonou a súa carreira política e puido adicarse con maior afán á súa labor literaria. Por desgraza, só puido ver publicado Centileos nas ondas (1958), un dos seus mellores traballos, e onde podemos atopar a esencia máis mariñeira da súa obra. Postumamente saíron á luz Decrúa (1966) e Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca (1971). Nestas obras vemos xa un compoñente máis folclórico e afastado da loita política que seguira antes da guerra.

Ademais de poeta, López Abente destacou como gran narrador, con obras como O diputado por Beiramar (1919), O escándalo (1920), O novo xuez (1922), Buserana (1925), Fuxidos (1926) e Vaosilveiro (1929); alén da súa única obra teatral, María Rosa (1921). Esta vertente da súa creación foi esquecida a prol da súa obra poética, mais os críticos coinciden ao destacar o valor naturalista e a gran sátira social que caracteriza estes traballos.

Volvendo á súa poesía, diciamos antes que o poeta muxián avanzara dende a “poesía da raza”, de corte agrarista e moi apegada á tradición cultista inaugurada por Pondal; ata unha versificación máis intimista e sensible onde o sentimento da terra ficaba máis oculto pero non ausente entre os seus fermosos versos mariñeiros.

A súa poesía déixase ler mellor que a de Pondal, posto que recorre máis ós dialectalismos, á verba auténtica da súa terra. Amosa, ao igual que o noso pontecesán universal, un sentimento unificado da comarca e da terra, deixándose levar polas altas paixóns patrióticas e por certo ton épico que recorda ó do “Bardo”.

Na forma, deixouse levar polas formas clásicas e polo formalismo, recorrendo de cotío ó soneto, e integrando tamén versos populares e verbas dialectais da nosa Costa. Quizais non acadou un estilo tan propio coma o de Pondal, pero témoslle que agradecer que trouxera ó noso recuncho do mundo as verbas máis afiadas do agrarismo galego, levando ese sentimento de loita ao sempre esquecido mundo do mar, e loitando dende o primeiro pola dignificación da nosa cultura patria.

Morreu no ano 1963, e foi homenaxeado no Día das Letras Galegas de 1971, antes incluso de que pasaran os dez anos do seu pasamento que hoxe en día impón a Real Academia coma condición indispensable para obter a máis grande homenaxe das nosas letras.  Logo disto, a súa memoria foi bastante esquecida e a súa obra infravalorada, quizais pola sempiterna figura de Pondal coma gran poeta da Costa, ou quizais pola desidia e a ignorancia. A proba está no mal resultado que obtivo na Elección Histórica da Costa da Morte, argallada o ano pasado por este xornal, e onde obtivo tan só 21 votos.

Esperemos que a proposta de crear unha fundación no seu nome eclosione con forza no Concello muxián, para así poder elevar á altura que se merece a obra de tan insigne patricio das nosas letras. Sen máis, quixera rematar, coma sempre, cuns versos do poeta, en forma de sinxela e sincera homenaxe. Desta volta escollín o poema que a min máis me gusta, adicado ó Santo Cristo de Fisterra, e que me emociona tanto seguramente porque son fisterrán:

Ao socaire do Ártabro, -famoso
na neboeira xa das vellas lendas,
cando os herois do Ponto proceloso
iban buscando as iñoradas sendas-,
estricado, en asexo, na brancura
do praial en que as ondas se desfán,
e alentando con bélica bravura,
acouga o varil pobo fisterrán.

  • Xoán Silva Pazos (xoanspazos[arroba]quepasanacosta.com).

Máis información

Colaboracións anteriores en "Cando ronca o vendaval"

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC ( Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver ).
 
 

Contacto: info[arroba]quepasanacosta.com

Todos os contidos baixo Licencia Creative Commos.


Delegación en Corcubión: Galinus, Comunicación en internet



Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com