|

Chéganos hoxe dende Laxe un asunto con boas doses de escurantismos e interrogantes, que en QPC vimos investigando dende hai varias semanas malia que só obtivemos o silencio e o descoñecemento por resposta. Un veciño da parroquia laxense de Castrelo alertaba o pasado ano 2009, de que as obras da estrada AC-433 que van unir Laxe e A Ponte do Porto se desenvolverían, no treito da citada parroquia, nas inmediacións dun xacemento megalítico. Ante esta situación, Patrimonio achegouse ata o emprazamento en aras de profundizar no estudo do lugar e tamén na defensa e protección dos restos ao xurdir o temor de que o trazado da estrada puidera rematar co xacemento. Os traballos sacaron á luz os restos que vemos nas imaxes, mais a presenza de edificacións ao redor pode levarnos a pensar que parte do xacemento estea soterrado baixo as casas. De tódolos xeitos, as precupacións dos veciños non se basean no que pode estar soterrado, senón na necesidade do coidado do que xa foi descuberto. Por iso xoga un papel moi importante o novo trazado da estrada cara A Ponte do Porto, pois segundo aseguran na zona, ésta afectaría na súa totalidade ao asentamento castrexo. E puidémolo ver nós cos nosos propios ollos ao contemplar que esta marabilla do megalitismo está situada nun entorno de casas e obras. Pero a historia non remata aí, porque a maior incógnita está en saber que vai pasar coa traxectoria da estrada. Aínda que nos planos a futura estrada atravese o castro, segundo fontes consultadas por QPC a Xunta, que é a máxima institución responsable no tema por riba dos concellos, deberá modificar o trazado, dun xeito suficientemente seguro para garantir a conservación do achado arqueolóxico, polo que non se debería temer pola destrución do restos, algo que de acontecer nos tempos que corremos, podería ser calificado de aberración non só por diversos colectivos senón pola sociedade en xeral. Coa pelota no tellado da Xunta, a día de hoxe dende este diario non fomos quen de obter resposta por parte da administración autonómica sobre as actuacións previstas tanto no referido ó castro como á construción da estrada. Pola súa banda, dende o Concello laxense o rexedor, Antón Carracedo, comentounos que “só cabe agardar que a Xunta actúe de xeito correcto xa que son eles quen deben proceder”. Unha espera que se está a prolongar máis do debido, pois lembramos que a Xunta rescindiu hai uns meses o contrato á empresa adxudicataria da obra (Teconsa) logo de pasar a unha situación de suspensión de pagos. Segundo a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, as obras vanse reanudar nas vindeiras semanas pero reiteramos, aínda sen que ninguén se pronunciase acerca dalgunha modificación sobre o trazado da vía. Segundo os arqueólogos, o xacemento data da Idade de Ferro e conta cunha muralla dividida por un corredor ao cal hai un pequeno aceso. Tamén hai unha porta semellante á que podemos atopar noutros asentamentos cercanos, como pode ser o da Cidá na veciña parroquia de Borneiro, en Cabana de Bergantiños. O alcalde laxense amosou o seu interese por unhas ruinas que poden enriquecer ó concello en materia histórica polo que “estamos dispostos a traballar para engadir os restos á nosa oferta turística” mais non considera oportuno adicar tempo e folgos ao asunto no caso de atoparse coas dificultades de promoción coas que deu a Cidá de Borneiro. Museo do Mar Noutra orde de cousas, o rexedor da vila das mareas vivas lembrou que as labouras da posta en marcha do Museo do Mar da Costa da Morte, que se ubicará en Laxe, están totalmente definidas e a piques de rematar, polo que en cuestión de semanas podería estar aberto. Deste xeito o que se pretende é a rehabilitación e a valoración do patrimonio, ademáis da dinamización turística da bisbarra. Trátase dunha das grandes apostas en materia cultural do executivo que preside Antón Carracedo, aínda que a súa posta en funcionamento conleva algúns retrasos como os causados por mor do incumprimento do contrato por parte da empresa adxudicataria das obras. Novas relacionadas Máis novas Fonte
|