|

Era unha casa afastada do resto da aldea. Ninguén recordaba entrar nunca nela. Vivía alí unha parella de anciáns, moi unidos entre si e bastante túzaros co resto da xente. Un asollado día de xaneiro morreu o vello. A súa esposa comezou a ir tódolos días ao cemiterio. Pasado un mes, un veciño alertou de que había tempo que non se vía á muller, nin no cemiterio, nin nas leiras que traballaba a cotío. Varios habitantes da aldea decidiron entrar na casa. O meu pai estaba entre eles. Atoparon á anciá morta, como supuñan. Cando recollían o seu corpo, uns berros guiáronos ata o soto, onde acharon encadeado a un home de mediana idade cunhas horribles deformacións físicas. Ao sacalo da casa, todos os que estabamos congregados na rúa competimos en berros e exclamacións, primeiro de asombro e de indignación despois. Estaba claro que era un fillo oculto por vergoña. Mentres o desgraciado individuo se protexía da luz e enrouquecía con intraducibles gruñidos, unha das voces do coro de lamentacións destacaba entre todas - ¡Que pouca conciencia! ¡A estupidez dos seus pais condenou a esta criatura a unha cadea perpetua! ¡Rescatemos a dignidade deste ser mortificado! ¡Ensinémoslle o mundo e mostrémolo á vida sen complexos! Era Moncho de Curra o que impoñía o seu vozarrón. Nunca oíra un ton tan convencido, unha rotundidade tan convincente. O mesmo debeu pensar o alcalde de Carnota, que aos dous días optou por ceder a Moncho a tutela do achado. Sempre recordarei esa voz. Por iso onte sobresaltoume escoitala de novo logo de tantos anos. Foi na feira de Arzúa. Ás portas dun camión escangallado. A mesma determinación e elocuencia: - O horror feito realidade! O nunca visto, señores! Pasen e vexan ao Monstro de Quilmas! - Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.com)
Relatos anteriores Máis información Fonte - Redacción de QPC (
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
).
|