|
Con 21 anos de retraso, pero xa se sabe que as cousas na Costa da Morte precisan de lume lento. As obras de acondicionamento do entorno do Dolmen de Dombate comezan hoxe, xoves, 4 de fabreiro de 2010, cando se coloque a primeira pedra. Un proxecto que procura a protección e posta en valor do dolmen cunha estrutura de cristal e madeira. A imaxe corresponde ao pasado novembro. O arranque dos traballos será co acto simbólico da colocación da primeira pedra do edificio de protección do túmulo megalítico, e o mesmo estará presidido polo titular da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, que estará acompañado, entre outros, polo alcalde de Cabana de Bergantiños, e doutros rexedores da comarca, así como do arquitecto Francisco Vidal, autor do proxecto de protección do dolmen de Dombate. Orzamento A Deputación da Coruña destina 1.514.492 euros para financiar o proxecto, cuxas obras serán executadas pola empresa Construcións en Pedra Sigrás, que realizará os traballos nun prazo de dez meses, segundo as previsións dos técnicos. Doble boina  No proxecto contémplase a construción de dúas edificacións independentes, unha para protexer o dolmen e outra que albergará o centro de recepción e interpretación do monumento. O primeiro inmoble resólvese cunha cuberta a catro augas, con estrutura de madeira, que apoia sobre alicerces metálicos e cubrición de cobre. Esta edificación ocupará unha superficie de 900 m2 protexendo o dolmen e o seu túmulo. A formulación estrutural posibilita xerar un zócalo transparente, que permita seguir contemplando o monumento na súa contorna. Ao redor do mesmo unha pasarela, circular permitirá a visión próxima. O edificio do centro de recepción exponse como o limiar de entrada ao recinto. Nel, situaranse: o control, a información, a exposición didáctica, aseos, almacén, etc; dispondo dunha superficie aproximada de 300 m2. O cerramento resólvese con fachadas ventiladas e revestimentos en lama de madeira. A fragmentación do seu volume axudará a manter unha escala adecuada e integrar o edificio na súa contorna. Este acollerá un espazo museístico para que os miles de visitantes que acudan poidan coñecer a cultura megalítica. Novas relacionadas Máis novas Fonte - Nota de prensa do Gabinete de Prensa da Deputación da Coruña.
|