|

Xa comezaron por fin, e agardemos que a primeira pedra non quede niso, como ocorren cunha morea de infraestruturas da Costa. Comezou hoxe, xoves 4 de febreiro de 2010, o proxecto de recuperación e posta en valor do dolmen de Dombate, un dos monumentos megalíticos máis importantes de Galicia, situado na parroquia de Borneiro, no concello de Cabana. E comezou co acto de colocación da primeira pedra do pavillón que albergará este monumento megalítico. 20 anos despois Moreda lembraba os comezos do proxecto, e referindose á Asociación Neria recordou que o proxecto inicial de Dombate data do ano 90, "cando decidimos pór en valor o dolmen, e cando tamén xurdiu Neria nun intento de "aglutinar a institucións, partidos políticos, e axentes sociais para pensar no futuro desta comarca, para pór o valor a Costa da Morte". Así, entre unhas e outras, foron máis de dúas décadas cun dolmen exposto ás duras inclemencias metereolóxicas, poñendo en perigo o verdadeiro tesouro que agocha no seu interior. Moitas "vicisitudes" foron as que demoraron durante vinte anos o proxecto de recuperación deste monumento megalítico. E unha delas, como non podía ser doutro xeito, foron os localismos. "É difícil explicar que se tardaron 20 anos, cando había vontade de facelo. Entón había dúas vontades enfrontadas; a vontade de quen queriamos pór en valor o dolmen, e a vontade de quen querían pór chinitas no zapato", sentenciou Fernández Moreda. Pasos do proxecto Moreda, relatou, así mesmo, que para iso se decidiu convocar un concurso internacional de ideas, e contar cos mellores especialistas, e un xurado de prestixio, no que había representantes da dirección xeral de Patrimonio, aprobándose por unanimidade un proxecto singular, pero cando posteriormente presentámolo en Patrimonio dixéronnos que non lles gustaba". Iso foi motivo dunha nova reformulación do proxecto, recaendo o encargo no arquitecto Francisco Vidal, autor da proposta definitiva (vémola abaixo). "Creo que vai quedar unha obra marabillosa, e o dolmen de Dombate será un importante punto de atracción turística para a Costa da Morte, e sempre dixen que o turismo é fonte de riqueza e o futuro desta comarca", afirmou Moreda agradecendo a boa disponibilidade do alcalde cabanés José Muíño.. O proxecto actual O proxecto que hoxe comezou, que suporá un investimento de 1,5 millóns de euros e estará terminado en un prazo de 10 meses, é obra do arquitecto coruñés Francisco Vidal e supón a construción de dúas edificacións independentes, unha para protexer o dolmen e outra que albergará o centro de interpretación e recepción de visitantes do dolmen. O primeiro inmoble, de 900 metros cadrados, conterá unicamente o megalito, cuberto baixo unha estrutura de madeira acorde coa contorna, con paredes de cristal que permiten unha completa permeabilidade visual, todo iso soportado por estrutura métalica cunha cubrición de cobre. O edificio conterá unha pasarela circular contorna ao megalito que permitirá a visión próxima do mesmo por parte dos visitantes. O centro de recepción de visitantes, que estará revestido exteriormente de madeira e contará cunha superficie de 300 metros cadrados, acollerá tamén un espazo museístico para que os visitantes poidan ampliar os seus coñecementos acerca da cultura megalítica en Galicia. A opinión do arquitecto Para Francisco Vidal (á dereita explicando o proxecto aos políticos) trátase de "unha obra emblemática", e respecto o edificio de protección do túmulo sinalou que se resolve cunha construción sinxela, composta por materiais sinxelos como madeira, láminas de cobre e vidro, de maneira que destaque a propia configuración do dolmen. O seu "estrutura é como unha gran caixa de madeira, trátase dunha construción horizontal", afirmou Francisco Vidal. Representación pública "Hoxe é un día de felicidade, polo menos para min, porque este acto representa o triunfo da vontade", afirmou Salvador Fernández Moreda durante a súa intervención en Dombate; acto que contou coa presenza do alcalde de Cabana de Bergantiños, así como, entre outros, do vicepresidente provincial, Pablo Villamar; dos deputados José Manuel Pequeno Castro, tamén alcalde de Dumbría e Xoán Sande Muñiz, así como dos rexedores locais de Carballo, Laracha, Camariñas, Zas, Mazaricos, Fisterra, Malpica e Cee, tamén presidente da Asociación Neria. Todos eles participaron no soterramento da urna que contiña a acta que reflicte o inicio da obra, rubricada por Fernández Moreda, e os alcaldes; así como exemplares dos xornais do día, e moedas de curso legal. Novas relacionadas Máis novas Fonte - Nota de prensa do Gabinete de Prensa da Deputación da Coruña.
- Fotografías de Torrecilla.
|