|

Todo o mundo sabe que as cousas raras son aquelas que suceden moi de cando en vez; así, considérase raro, por exemplo, un tornado na Costa da Morte ou unha balea con dúas cabezas, cousas por outra banda, difíciles pero non imposibles. É por iso, que, nesta parte do mundo, considérase do mais normal, cuspir no chan, botar escombro en calquera sitio, edificar sen licenza, un mudo que fale, un cego que vexa, unha galiña que emigra acanda os parrulos… voando, ou que os lostregos caian sempre na casa de Cristino. Pero o que máis chama a atención aos alleos cando nos visitan, é, sen lugar a dúbidas, a Raíña das Gaivotas, ou “Raiña Negra”. Trátase como ben podedes adiviñar, de un corvo femia, que xeración tras xeración, dirixe unha bandada de gaivotas. O tema foi estudado pola Universidade de Santiago, e, durante anos, fixeron un seguimento exhaustivo, comprobando, que a que se creía como unha lenda rural, era certa punto por punto; pero para certificalo, necesitaban as probas científicas. O certo é, que aquí, todos coñecemos a existencia da “Raíña Negra” desde a noite dos tempos. Sabemos ademais como sucede esta cousa, para nós, do mais normal. Xeración tras xeración, a supervivencia de esta estirpe real, depende das gaivotas, que tratan a Raíña, como se ela fose o xefe da manada de lobos. Primeiro come a Raíña, e cando esta se farta, as gaivotas dispútanse os restos como se fosen voitres. Ningún outro corvo se acerca a esta manada, xa que é atacado en masa polas gaivotas; e, cando chega a época de celo, é a Raíña a que desaparece durante dous días para buscar a continuación da sangre real. Sucede despois, que solo unha femia que críe a Raíña, vai ser a que herede o trono, xusto cando ela teña xa unha pequena femia que será a futura Raíña Negra. E así, xeración tras xeración, ano tras ano, século tras século. Non importa que os da Universidade digan que este é un acontecemento portentoso e do máis raro do mundo, porque nós, que vivimos e morremos aquí, sabemos, que cousa tan normal non a hai, a non ser, cuspir no chan, botar escombro en calquera sitio, edificar sen licenza, un mudo que fale, un cego que vexa, unha galiña que emigra acanda os parrulos…voando, ou que tódolos lostregos caian sempre na casa de Cristino. Novas relacionadas Historias anteriores Fonte
|