|

Preto de 20 actividades configurarán un programa ao longo do ano artellado polo Clube do Mar e Náutico de Muxía. Un Clube que quere sumarse á celebración do Ano Santo dende unha das ubicacións máis emblemáticas do universo xacobeo. E aí é onde o clube quere aproveitar este misticismo para formar parte do proxecto "Portos Xacobeos". A vila da Barca, inexplicable sen a súa relación co mar, alberga tradicións ancestrais intimamente vinculadas ao camiño de Santiago que enriquecen a súa fonda vocación mariñeira: o Santuario da Barca, as pedras míticas que o rodean ou a multitudinaria romaría. O CMNM quere contribuír á súa promoción, e por ende á da propia vila, incorporando o seu percorrido pola Costa da Morte como un elemento principal do turismo náutico na zona. Deste xeito, a imaxe da campaña será unha vista do Santuario da Barca rodeado de auga nun día de temporal. Iniciativa da Xunta de Galicia A idea deste proxecto xorde ao abeiro da iniciativa da Xunta de Galicia en torno aos “Portos Xacobeos”, coa idea de, entre outros obxectivos, divulgar un aspecto máis descoñecido do Camiño de Santiago como son as peregrinacións marítimas. Neste contexto e aproveitando o potencial visibilizador dun ano xubilar, o CMNM quere facer un esforzo que contribúa a enriquecer as propostas sociais e culturais para este ano na Costa da Morte. Como colofón desta iniciativa, o club ten previsto editar un libro coa colaboración da Asociación Neria que recolla a crónica das peregrinacións marítimas á Costa da Morte. Presentación A presentación terá lugar o sábado 13 de febreiro ás doce do mediodía no salón de actos do albergue de peregrinos de Muxía. Axenda náutica: Muxía Porto Xacobeo A partir desta data, o CMNM ten previsto desenvolver ao longo de 2010, preto de 20 actividades sociais, culturais e deportivas, relacionadas co Camiño de Santiago. A súa temporalización tentará respectar a media de alomenos unha actividade cada mes. Haberá charlas, coloquios, exposicións e actividades náutico-deportivas que terán o seu punto culminante nunha peregrinación marítima con dúas etapas: Muxía – Fisterra e Fisterra – Muxía. Esta é a axenda nátucia para este Ano Xacobeo.   Novas relacionadas Fonte - Xunta Directiva do Club do Mar e Náutico de Muxía.
|