|

Este pasado sábado 6 de marzo de 2010 tivo lugar nas Hortensias de Corcubión a presentación do proxecto cultural I "Foro Costa da Morte". Miguel Vázquez Freire, Manuel Sendón e Javier Turnes, organizadores xunto a Asociación Universidade Popular de Corcubión, foron os encargados de repasar un programa cheo de actividades, que se desenvolverán entre os concellos de Fisterra, Muxía, Camariñas, Cee, Corcubión e Vimianzo. Ademais, a recoñecida labor dos creadores do programa no panorama cultural galego fai que falemos dun proxecto de proxección internacional. Intentará o Foro crear un espazo de reflexión sobre o valor, "a forza do noso mar, o imaxinario do noso espazo e a potencia do noso territorio". Nese sentido afondou Sendón no atractivo que supón para artistas de outros puntos do país e do planeta, vir crear a un lugar coma este. De feito, a idea de establecer "un diálogo entre o universal e o propio" é unha das partes fundamentais deste foro. Foro que non quere ficar na reflexión e na recepción de culturais, se non que tamén pretende desenvolver creadoras dende aquí. Así, "potenciar a creación de artistas galegos a través do diálogo con artistas de outras culturas" forma parte do sentido do Foro, como reflexionaba Sendón. Por iso razoaron que todo o foro está prantexado para o "público universal". Calquera persoa "activa" da Costa da Morte e de todo o país poderá participar. Pero o que queda claro co nivel das actividades é que "este Foro non quere renunciar á máxima excelencia cultural", como razoaba Miguel Vázquez Freire. A intención dos organizadores é que "a Costa da Morte lle perda o medo á cultura", a través da creación de "pontes entre a alta e a baixa cultura; baixa no sentido popular da palabra, nunca en ton pexorativo", como razonaba Freire. Sobre a financiación do proxecto, os organizadores agardan máis implicación e máis axudas económidas da man dos Concellos, da Deputación e da Xunta de Galicia. Programa completo Xornadas, obradoiros, proxectos e encontros. Nestes 4 eixos vertebraranse as actividades que se desenvolverán entre os meses de abril e agosto. Para o mes de agosto quedarán os encontros, dos que se preve que teñan unha incidencia tremenda. Tratan ademais de levar as actividades precisamente ata eses lugares místicos, sendo por exemplo, os faros, espazos ideais para desenvolver os actos. Comezarán as actividades coas Xornadas. Unhas xornadas que reflexionarán sobre os nosos Fachos e sobre o territorio da fin da terra. Importantes investigadores da bisbarra como Xosé María Lema ou Manuel Vilar serán os coordinadores das xornadas, que precisan inscrición. A cita rematará cun recital poético, entre os que estarán varios "Feros Corvos" do Batallón Literario. Os Obradoiros tentarán, ademais de reflexionar sobre o noso "Espazo Batente" (como se denomina o obradoiro de arquitectura coordinado por Xoán Creus e Covadonga Carrasco), crear. Serán "espazos de produción, non só de recepción". Tres son os campos que tocarán os obradoiros: o vídeo, a arquitectura e a edición gráfica. Precisamente o obradoiro de vídeo, coordinado por Olaia Sendón, terá moito en común co de arquitectura, que servirán para pensar o por que do valor do Cabo Touriñán, un emblemático lugar que mira de reollo decisións políticas que poden arruinar a súa riqueza. Uqui Permui será a coordinadora do obradoiro de Edición Gráfica "Encontrar e Deixar Rastro", que se desenvolverá no Telecentro de Vimianzo. Os Proxectos serán unha das partes máis mediáticas do Foro. O Teatro cobrará vida na Costa da Morte. A través do coordinador Antonio Fdez. Lera, director do Centro Dramático Nacional, e con personalidades do calado de Rodrigo García, Elena Córdoba e Rut Balbis, o proxecto desenvolverá unha peza feita por e para o territorio. De feito, unha das características é que o lugar de execución será elixido polos artistas e intentará saír dos típicos lugares para asomarse aos espazos abertos. Este proxecto de creación teatral desenvolverase principalmente no concello de Muxía. No tocante á Fotografía, a idea de xuntar un fotógrafo galego, Fran Herbello, con dous de dimensión internacional como Luis González Palma (nado en Guatemala e residente en Arxentina) e Graciela Sacco (arxentina), proporcionará un diálogo creador. Este proxecto terá lugar en Fisterra. Os Encontros servirán para pechar o I Foro Costa da Morte, servindo para configurar as exposición de todas as obras creadas, e para reflexionar sobre o feito. O propio Xoán Creus, o director do Hostal dos Reis Católicos Xulio Castro, e o profesor da USC Xan Carmona, serán os relatores. Inscrición Un dos detalles que quixeron deixar claro os organizadores é a necesidade de cubrir os cupóns de inscrición que se habilitarán no blog (http://quepasanacosta.com/forocostadamorte/ ). Os obradoiros contarán con 15 prazas e teñen unha cota de inscrición de 40€. Ademais a xornada de visita dos fachos precisa tamén preinscrición pola necesidade de cubrir as prazas do autobús. Máis información Novas relacionadas
|