Escrito por: admin en Humor
Os galegos acostumamos a queixarnos por todo. Pero cando nos poñen algo beneficioso diante rara vez dicimos nada. Cando foi o Prestige fixemos parecido… toda a vida queixándonos que esto era un desastre e de súpeto aparece petróleo e tamén nos queixamos. Vale que viña a granel, sen embase, pero que lle queres… O caso da televisión autonómica que temos é similar. Temos ao noso alcance unha auténtica máquina do tempo. Acender a tele e seleccionar a TVG supón iniciar unha viaxe no tempo na que só se pode ir cara atrás. ¡Tamén nos queixaremos por iso!. Iso si, sempre no caso que se che vexa a tele, que con isto da TDT, sabemos que na Costa da Morte non é cousa sinxela.
Non sei que se sinte cada un se mete determinadas sustancias, pero debe ser algo parecido a ver a TVG. As drogas ás veces producen visións, coloracións nas cousas que percibimos pola vista, falsa percepción da realidade, perda de memoria e… e algo máis que agora non lembro.
Na TVG temos de todo. Temos visións como as que aparecen ás veces no Luar. Fregas os ollos e non das crédito ao que ves. O Luar é como un inmenso plan de pensións, todo o persoal que xa non está para trotes, consigue unha paga mensual acudindo a actuar ali: Xil Ríos, Pili Pampín, Sabela, Juan Pardo, Bertín Osborne… Así combatimos que “os nosos maiores” pasen apuros. Quizáis a proposta de ZP de facernos traballar ata os 67 consistía en facernos ir ao Luar a partir dos 65…
Coa TVG tamén padecemos o cambio de coloración nas cousas que percibimos. Cando chegou o bipartito á Xunta, decidiuse a cambiar o ton estético dos informativos. Insisto no de estético, porque do resto… Grazas ao bipartito os informativos abandoaron aquel ton azul da era Fraga. Daquela todo era azul, os printers dos titulares, as luces de fondo, os decorados… Galicia era azul¡¡. Pero de súpeto cambiou a vermello. Todo o azul pasou a ser vermello. Dende hai uns días de novo o azul toma posicións nos informativos, Galicia volve a ser azul… e se a iso lle unimos que os informativos volven a ser presentados polas mesmas caras que nos contaban as fábulas do Prestige, da guerra de Iraq e que nos convencían día a día de que Fraga tiña poderes paranormais, a conclusión é: vendo un informativo da TVG volvemos aos anos 90 e incluso 80. E se sae Feijóo falando da lingua galega, está claro que podemos estar nos 60 ou 50.
Se a sensación de viaxe no tempo non é completa, sempre nos queda poñer a tele e ver como volven a emitir “Mareas Vivas”. Porque seica se decataron de que había unha persoa na Fonsagrada e dúas en Viana do Bolo que non viron a serie nunha das 74 reposicións. A TVG é rexuvenecedora grazas a iso, Tosar volve a ter pelo e o dos Tonechos tamén… e incluso ten 20 quilos menos de peso. As cadeas acostuman a coidar os seus productos estrela e dosificalos par que “duren”. Na galega descubriron aquela galiña dos ovos de ouro e fixeron un asado con ela. Emitiron a serie ata que provocou convulsións. Se tivese caido “Cuéntame” en mans dalgún xestor, terían emitido o período 1960-Actualidade en seis meses… a todo pasto¡¡. “Cuéntame” esa serie que en todo o territorio estatal é retrospectiva e que aqui é pura actualidade…
Os programas de cultura volven ao prime-time.. .ás 3:20 da madrugada. Porque neste país onde somos tan utilitaristas, quen carallo precisa cultura. Ademáis eses programas só os ven os profesores de instituto que a esas horas están fumando porros e vendo a tele, así que xa vai para eles.
Da falsa percepción da realidade non vou falar… xa falei abondo do Telexornal. En fin, amigos… deixovos que vou ver a TVG que coido que poñen “Galicia en el país de las Maravillas” e vendo certas cousas te da un subidón. Estilo Matrix… unha realidad virtual paralela. E sen gafas 3D.
2 Comentarios »
Escrito por: admin en Política
As imaxes do xuizo que se sigue na Audiencia Nacional contra Arnaldo Otegi deixanme alucinado. Non vou a entrar en fonduras nin en consideracións. Non vou a abrir debates laterais. O único que ten que quedar meridianamente claro é que vivimos nun Estado onde a base de que isto funcione debe ser a existencia dun sistema legal que nos ampare a todos, sen excepcións. Uns dos poderes básicos do Estado é o Poder Xudicial e os xuices son a súa imaxe. Un dos principios básicos do sistema é que o todos temos dereito a un xuizo xusto, a ser tratados do mesmo xeito ante a lei. O feito de que lle demos ese tratamento incluso a individuos que cremos deben ser condeados de antemán é o que prestixia a unha democracia e un sistema xudicial.
Tendo claro todo iso, observar comportamentos de taberna a unha persoa a quen se lle presume certo nivel intelectual e que representa a tan alta institución do Estado, non pode resultar máis ca vergoñento. O ronsel de perlas da sesión de onte, propias dos chistes de sarxento de cuartel, dentro dun espazo de teórica máxima dignidade coma é a Audiencia Nacional só serve para dar munición a aqueles que teñen á xustiza española coma un instrumento supeditado a outros poderes. Se unha das maxistradas, teóricamente, máis cualificadas do Estado español, dirixe as sesións facendo chistes, petando na mesa, facendo aspaventos e levantándose e sentándose coma se fose Chiquito da Calzada, qué podemos agardar doutras persoas que carecen de tan nobre rango?. Din as enquisas que a meirande parte da sociedade española non ten en moi alta estima á xustiza. Se iso sucedía na mentres os xuices daban unha excelsa imaxe, con xuizas como Ángela Murillo a xente acabará indo aos xulgados a tomar os viños.
2 Comentarios »
Escrito por: admin en Varios
Por se non fose pouco o micromundo da Costa da Morte coas súas novas sobre infraestructuras esquecidas-perdidas, agora resulta que nos adicamos a combater o frío do inverno dándonos de porrazos entre nós. A desputa entre Fisterra e Muxía polo asunto do “Fin do Camiño” é a todas luces descorazonadora. Unha situación que me fai lembrar aquel anuncio de compresas: “¿a que huelen las flores?”. Desta volta é un “¿onde remata o Camiño?” que o senso común invita a respostar cun “onde lle peta aos que camiñan”. Discusións estériles e batalliñas que non nos levan a ningures.
Temos un inimigo común que é o incomprensible gran interés que teñen en Compostela por evitar que os camiñantes cheguen á Costa da Morte. Para evitar ese atranco precisamos do traballo de tod@s na mesma dirección, se queremos ser algo diferente a un curruncho onde van parar as farangullas. Nos últimos tempos estabamos conseguindo que o fluxo de peregrinos que recalan neste córner da península fose maior. Agora corremos o risco de estragar todo por unha pelexa que cando menos dende fóra da a imaxe de ser a loita por quedar cun cartaz que reza: “Fin do Camiño”.
Nesta lea chama poderosamente a atención o fragor co que nos deixamos levar polas guerras de “baixa intensidade”. As poboacións de Muxía e Fisterra entréganse con entusiasmo á formación de plataformas, grupos de presión e colectivos para reclamar o seu dereito fronte “ao inimigo”. Sen embargo todo isto sucede nunha bisbarra onde históricamente destacamos polo silencio á hora de reclamar calquera tipo de mellora ante instancias superiores. Témoslle menos medo ao veciño que á suposta “autoridade”. Apenas facemos esas mobilizacións cando hai cortes de luz, de auga, cando nos cobran a peaxe por ir por un carril a 60 km/h, cando nos privan dun helicóptero de salvamento ou cando as listas de espera sanitarias nos deixan estancados nunha folla ata que nos forran de carballo. Isto por citar cousas que son terceiromendistas na Costa da Morte pero que nin xeran mobilización e que apenas orixinan reclamacións ante as instancias pertinentes. Iso si, cando nos moven o marco da leira, respostamos con contundencia ante o veciño. Quizáis isto suceda porque temos moi interiorizado que pouco temos, pouco teremos e non queremos que nos priven do que temos no peto.
Non quero ser quen diga se levan razón en Muxía ou en Fisterra porque considero que en ambos lados hai claros e escuros. Só quero, dende a miña responsabilidade, dar unha imaxe de unidade, porque considero que hai máis puntos de encontro entre ambas posturas que de desunión. Atopemos os lugares comúns e fuxamos de debates estériles. Mentres o mundo avanza a gran rapidez, aqui nos pelexamos polos restos dos pratos dos ricos. Se o problema é un eslogan… benvido sexa, porque coido que iso ten solución. O que non tería volta atrás sería converter isto nun campo de batalla, como semella queren converter algúns máis interesados en azuzar e magnificar os actos hostís con tal de aumentar o papel vendido nos quioscos.
Hai días un experto do Camiño de Santiago dicía que os peregrinos son os que din onde rematan o seu Camiño. A lóxica nos dí que logo de percorrer máis de 800 quilómettros a pé, dunha vez que chegan a Muxía van a Fisterra e viceversa. ¿O cerne deste balbordo está en coñecer quen patentou o slogan…?.
12 Comentarios »
Escrito por: admin en Rebote
Tentareime recuperar logo do dispendio de xenerosidade da Xunta de Galicia logo do terremoto de Haití. O goberno autonómico aporta a mareante cifra de quince mil euros, cantidade coa que o comandante do avión de axuda humanitaria, se achegará a poñer gasofa e dirá aquelo de “non mo enchas que non levo solto”. Porque coa nosa aportación non enchemos nin o tanque do gasoil.
Sabido é que estamos en época de recurtes e apretóns de cinto. Pero quizáis habería que quitar doutro sitio, non da axuda destinada a evitar que a miseria sexa o postre logo da catástrofe. Non entendo como, por exemplo, se subvenciona con 170.000 euros unha Federación de Caza cuxo obxectivo fundamental é sair ao monte a fin de semana a furar a tiros aos raposos. Lamentable.
Mentres seguimos noqueados diante da televisión que nos cuspe cifras que non nos entran na cabeza. Fáñlase de 100.000 mortos… alguén é capaz de imaxinar tal cifra?. Coido que chega un momento onde os ceros anestesian ao cerebro: cen mil ou cincuenta mil… a diferenza é o dobre pero o efecto é o mesmo.
3 Comentarios »
Escrito por: admin en Política
Queridos Reis Magos:
Esta vez escríbovos pra solicitarvos que vos levedes de volta ao regalo de Reis adiantado que nos trouxéchedes. Porque nin funciona, nen serve pra nada e só me produce crispación. Falo do tal Feijóo este que nos deixáchedes como encargado do curral.
O que levamos de lexislatura do réxime de Feijóo só nos deixa récords difícilmente batibles de demagoxia, populismo barato e inoperancia absoluta. Iso si, todo aderezado cunhas doses de manipulación dos medios de comunicación públicos que xa coñecemos na época fraguiana. Os que non son medios públicos actúan como tal, porque resulta repugnante comprobar como o goberno autonómica paga semana a semana a golpe de DOG os favores recibidos de La Voz de Galicia. Esta semana o rotativo recibe 2,2 millóns de euros para “renovar maquinaria” o cal sumado ao xa recibido acada os 3,5 millóns euros en subvencións directas. De seguir asi, o xornal coruñés rematará a lexislatura con máis de 18 millóns de euros. Iso só coma subvencións directas, xa que podiamos falar do que leva zugado coma convenios, publicidades e demáis subterfuxios. En resume, un pago de favores ante o que ninguén di nada.
Polo demáis, o periodo de Feijóo na Xunta nos deixa un panorama desolador. Afrontamos un Ano Xacobeo onde a programación musical e cultural inda non se coñece, o cal supón unha improvisación chabacana que empeza a superar ao de Carmiña Burana-Pérez Varela. A Sanidade ían arranxala en 45 días (así o afirmaron en campaña electoral) pero a día de hoxe os tempos de espera na Sanidade aumentaron respecto ao pasado recente… é dicir , unha mentira máis. As políticas sociais da Xunta consisten en subastar ceas con Feijóo, coma se Feijóo fose Bono ou Madonna provocando que a xente pague milllonadas por cear con un tipo tan ineficaz coma gris. A subasta de Nuevas Generaciones é patética ata o extremo: ademáis da cea tamén ofertaban o teléfono de Alfonso Rueda (¡¡que non desexa ter un!!) ou uns zapatos da conselleria Mato (que salvo que padezas algún tipo de aberración sexual descoñecida dime ti para que coño os queres). A recadación era destinada a mercar xoguetes para os nenos pobres… moi propio dunha organización que pensa que a fame no terceiro mundo se combate enviando tortitas de nata a África.
Dentro dos grandes éxitos deste goberno tamén podemos incluir ese decreto do galego que amosa que o termo pailán é compatible cos tempos compostos, a garabata e os traxes de Armani. Primeiro inventan un problema e fan algo que ninguén lles pide (salvo catro mataos de ultradereita debidamente xaleados por determinados medios de comunicación). Agora presentan un decreto baseado no consenso… o consenso de poñer de acordo á hora de calificar o decreto como trapallada a partidos da oposición, sindicatos, asociacións de pais, Real Academia, Consello da Cultura, pedagogos, grupos de alunos e un longo etcétera. De guinda manifestan que agora o problema queda arranxado, cando o que acaban de facer é destrozar un sistema educativo a cambio de deixarnos en mans da nada. Porque estou desexando ver como se pode aplicar este folletín que pretende utilizar o inglés coma disolvente da lingua galega. Feijóo soluciona o problema pasándolle a pelota aos directores dos centros educativos… agocha o pó debaixo da alfombra: “Agora que se peguen nos institutos para decidir quen vai a dar clases en inglés”. Nin hai mestres preparados nin os nenos son ratos para facer os seus experimentos. Quizais o PP ten máis interés en que os nenos saiban dicir “derivada” e “coseno” en inglés inda que non teñan a menor idea de qué significan. A mostra de que o galego asoballaba ao castelán vímolo nas Cabalgatas de Reis da TVG: nin un só neno entrevistado falaba galego nunha canle autonómica onde o castelán gaña terreo… non vaia a ser que os castelán falantes, que teñen outras 20 cadeas de televisión, se sintan marxinados.
A famosa polémica dos Audis roza o esperpento. O concepto “aforro” desta Xunta consiste en deixar apodrecer uns Audis nos garaxes de San Caetano a cambio de mercar outros coches para que a bravata electoral nos lles pete nos fuciños. As diferentes consellerías non mercan novos coches para evitar críticas, pero organismos como Portos de Galicia teñen a seu nome os vehículos de Conselleiras como a de Mar… O coche oficial do Conselleiro de Cultura figura como propiedade do Xacobeo, a da Secretaria Xeral de Turismo a nome de Turgalicia… todo para evitar que figuren como parque móbil do Goberno.
Queridos Reis Magos, comprendo que son moi malo e que teño o demo no corpo. Pero tería sido mellor que me trouxérades carbón, que polo menos vale para quentarse na lareira, porque a broma pesada de Feijóo é un castigo excesivo.
6 Comentarios »
Escrito por: admin en Barrenes
Por suposto, para quen o teña feliz. A sensación de onte pola noite, de novo, era de valeiro. Todo foi diferente e todo foi peor. Onte non houbo a rolda polos bares aporreando o meu bombo. No meu interior as únicas notas graves que se percibían eran as dos sentementos rebotando contra as paredes do meu corpo. Onte non houbo aquel recibimento buliderio de cando chegaba a cear. Miña nai plantexábase a cita co día 31 coma un maratón gastronómico que iniciaba despois da comida. Onte a cociña estivo parada. A entrada na casa estivo presidida polo silencio. A cociña calou e so interrrumpiu os seus votos pra botar á mesa unha cea modesta. Tra-la cea, meu pai buscou a anestesia do sono. Algún ano tivémolo que parar entre miña nai e eu para que agardase á entrada do novo para abrir a cama. Onte nin se me pasou pola cabeza suxerirllo. Ademáis eu tamén devecía pola súa retirada para poder deixar de interpretar o papel de enteiro por uns intres.
Quedei coma sempre, agardando as badaladas. Pra min sempre foi un día emocionante o de fin de ano. Un momento de reflexión do pasado e do que pode vir… o peche a un capìtulo da miña vida. Onte ela non estaba ao meu carón mirando a tele e facendo tempo, nin se puxo coma unha tola a limpar a cociña… onte luz tenue, movementos lentos, silencio e lembranzas. Chegaron as badaladas e non me puiden fundir nun abrazo sentido coa miña nai, non me bicou e non escoitei a súa voz emocionada dicindo aquelo de “de hoxe nun ano, filliño”. Algo murchou dentro de min cando pechei a porta da casa pra perderme por aí e mirei cara atrás: ela non me seguía coa vista ata que me perdín. A porta estaba solitaria e na súa fiestra non había luz. Espazos valeiros, corazóns arrefriados e puños pechados. Recibín o ano coma me gustaba facer cando marchaba da casa. Indo ao faro a contemplar ese espectáculo que nos regala a natureza na Costa da Morte. Contemplación de beleza dende un corpo que era un cóctel molotov. Por moito que abirse a boca non era capaz de botar fóra toda a rabia que acumulei dun tempo ata aqui. Non podo evitar ter unha sensación de derrota, de abatemento, esa sensación de ter pelexado para ao final , perder cunha falta inexistente. A vida é unha gran filla de puta.
Estamos perto do chan, pero nos levantaremos. Agardo a que apareza por casa, a que algún dos ruidos que se escoitan sexan producidos por ela enredando nalgunha cousa. Pero non. Non vai voltar. Marchaste moi cedo mamá. Nunca é o momento, pero éste non era o teu. Neste Nadal só podo ofrecerte un regalo. As flores que periódicamente deixo onde din que estás… pero eu sei que non estás ali. Ofrecinche todo o meu corazón para que te poñas cómoda e aí, ao calor do meu peito, vas quedar sempre. Quero pensar que estás a dicirme, sempre co “filliño” na boca, que non estea triste e que me levante. Fareino. Porque teño ganas de comerme a vida a dentelladas. Quero seguir facendo todo aquelo que sei que te facía estar orgullosa… así que vou seguir repartindo. Xa me entendes. E sobre todo aproveitando ben cada minuto desta vida na que parece que os Neiras nos acostumamos a marchar despedíndonos á francesa, sen avisar. Así marchou Pedro e madrina, e Geni e ti. Así que procurarei non estragar a miña vida.
Onte co ruido do silencio ao meu redor lembrei que daquela pequena familia que eramos hai nada, quedamos poucos sobrevivintes. Semella que o destino quixo facernos pagar non sei que peaxe atacando onde máis doe…a familia mudou moito en pouco tempo. Pero hai algo que o destino non me pode arrebatar por moito que queira: os recordos dunha familia pequena que quixo loitar por ser feliz. Eses recordos os teño nunha caixiña dentro de min e por se acaso tirei a chave desa caixa ao fondo do atlántico. Ese atlántico onde está esta ría que tanto botaches en falta cando estabamos lonxe e que nunca cansaste de mirar noite tras noite cando volveches ás orixes.
4 Comentarios »
Escrito por: admin en Barrenes
O luns estarei de novo aqui. Abrindo o blog coa esperanza de atopar as sensacións necesarias pra combater a anguria que nalgúns momentos me quere asolagar. Teño moito que dicir, moitos sentementos que botar ao aire, moitas experiencias que compartir. Sobre todo necesidade de botar fora un mar de carraxe. Porque por máis que o intento non son capaz de sacudirme esta sensación de derrota. Pero anuncio batalla ata o final. Aos que me queredes: prometo compensar todos os momentos de tristura que pasastedes ao meu carón. Quero devolver todo o que me déstedes a base de bós momentos. E quero seguir loitando por todo aquelo que creo.
Quero pedir desculpas polo silencio, polas chamadas de teléfono non contestadas, por borrarme. Estou de novo aqui e sei que non estou so, porque ademáis de ter xente cerca de min aqui, noto unha especial protección de alguén que segue a coidar de min.
Grazas e benvidos de novo a miña alma posta en texto.
4 Comentarios »
Escrito por: admin en Barrenes
Só vos podo dar as grazas a todos e todas. Grazas pola vosa presenza, polas chamadas, polas apertas, polas miradas. Grazas pola compaña, pola calor, por todo. Creo que estou en dúbida con todos vós. Grazas e perdón, porque eu seguro que non souben estar a altura das circunstancias con moitos de vós, quizáis non sempre tiven as mellores actitudes. Pero nunca foron con intención de ferir. Grazas. Agardo poder voltar por aqui en canto me atope con gañas. Pero quería dar as grazas, porque nestes tempos onde un sinte ao seu redor tantos ecos e tantos ocos, vós sodes a miña enerxía.
2 Comentarios »
Escrito por: admin en Barrenes
Xa ves mamá. Aqui estou, tentando botar fóra a anguria e volver a xuntar os pedaciños de alma que esta explosión me deixou por aí esparexidos. Como podes ver non estás… pero estás. Porque coma sempre, sigo falando contigo. Agora lembro aquelo do medo de cando era pequeno. Lembro que tanto conmigo coma co meu irmán non nos quixeches inculcar o medo. Eu, coma tantos nenos fuxía das escuridades, pero ti, ante iso, me levabas da man para amosarme que non había nada nesa escuridade, só unha habitación sen luz. Sempre dicías que non entendías cómo a xente lle metía medo aos nenos falándolle de cocos, homes do saco e fantasías desas. Nunca tales nomes sairon da túa boca. Nos educaches para non ter medo e como foches tan boa niso de educarnos, pódoche dicir que ante todo isto que se aveciña, non vou ter medo, mamá. Afrontarei todo sen medo ante as escuridades que me están a envolver. Pero non me pidas que deixe de sentir este oco no peito, non me pidas que non me sinta afogado en anguria porque estou coma un solar, mamá.
Ademáis, como as cousas non veñen soas, que saibas que teño que operarme “daquelo”… A diferenza da primeira vez, hoxe non vou correndo pra casa a que me des cobixo porque a fin de contas, contigo, era un neno grande. Cada vez que me atopaba mal, ía cara ti coma o neno que cae no parque e corre onda súa nai para a que lle de aloumiños. Deste xeito sentíame mellor… Agora corro coma un polo sen cabeza. Pero non te preocupes mamá, afrontareino sen medo, porque sei que irei da túa man.
Mamá…grazas. Grazas por ter sido a miña nai. Por ter tanto orgullo en ser nai, por non elixir ser outra cousa na vida e inda por riba por ser unha persoa que despedía tanto cariño. Cos da casa e cos de fóra. Sempre pensado nos demáis, sei de sobra que teu último pensamento foi de pena por deixarnos aqui aos outros dous paxariños do niño. Mamá, agora tes que estar co resto da familia, agora vaiche coidar Geni que tomará o noso relevo e atoparás de novo a tanta xente querida.
Corcubión perde a unha entusiasta desta vila… pura paixón. A praia de Quenxe está de loito… curiosamente coma se viñese outro Prestige, agora que estamos de aniversario… Mira que sufrimos vendo como destrozaban o noso mar. Calou unha voz, as túas poesías non sairán máis brotando da túa gorxa, as túas melodías xa non terán eco. Pero iso non é todo. Porque como xa dixen unha vez, somos inmortais. Cada vez que alguén lembra algo dos que non están, os devolven á vida. Cada vez que saias nunha conversa, voltarás entre nós. Eu teño moito que lembrar, miles de recordos: paseos da túa man cando inda era un cativo, mañás facendo a compra polas rúas agora desertas de Vigo, tardes de domingo apurando a roupa para poder voltar a Compostela, paseos por Quenxe, traballos na horta, visitas a túa habitación a darte o bico de boa noite… e podo seguir ata o infinito. E o último recordo, ti, como se foses a aboíña na que non che convertín, sentadiña na cadeira de mimbre, envolta na batiña roxa e coa mantiña da mesma cor, agardando e contando polos dedos que pasasen os días pra que te quitasen aquel cepo da perna e che devolvesen a ansiada liberdade… e a despedida ata mañá co ese sorriso imborrable.
Mamá… grazas. Nunca puiden devolver o que fixestes pero a miña gratitude será eterna. Grazas por escoller ser nai. Envólvome nos “filliño”, na “comidiña de mamá” , en centos de “abrigate que vas coller frío”, precisamente para iso… para non sentir este frío que me roe. Mamá, voute resucitar cada día da miña vida. Ata mañá, mami. Todo vai sair ben parruliña.
24 Comentarios »
Escrito por: admin en Política
Hoxe están a celebrar o vixésimo aniversario da caída do Muro de Berlín. Poderíanse abrir mil debates sobre os efectos daquela caída. Hoxe a marea informativa nos leva a concluir que aquela caída foi un éxito pra todos. Pero estou seguro que tamén houbo sombras. Pero non vou a abrir agora ese debate. Hoxe só me quero fixar nunha presenza inquedante. Aos actos de conmemoración desa caída aparecen como convidados Walesa, Gorbachov e entre outros, Kissinger. Henry Kissinger.
A aparición de Kissinger nun acto que pretende ser unha loa á liberdade é unha broma pesada. Un individuo que forma parte dos capítulos máis podres da guerra fría. A man que estaba sempre detrás, “mecendo a cuna”. Unha rata saída das peores cloacas da Historia. Implicado en apoiar sen fisuras (moral, militar e económicamente) a dictaduras como as de Pinochet en Chile ou a Xunta Militar Arxentina. Un fanático do liberalismo que non dubidou en encherse de sangue cando algo soaba a “esquerda”. Implicado en todos os golpes de estado de sudamérica, en todas as operacións da CIA para desestabilizar gobernos democráticos da esquerda, afogou o sandinismo e calquera outro tipo de movemento similar. Calquera movemento tendente a apoiar a alfabetización e dotar de prestacións ás clases máis desfavorecidas, foi aplastado polo aparello militar de Kissinger. Financiador de asasinatos incluso de membros de Igrexa Católica que se podían considerar de esquerda, membros da teoloxía da liberación… todos engordaron a súa lista de depurados e neutralizados. Ese é Kissinger, o que hoxe está de festa conmemorando a liberdade en Europa…
1 Comentario »
|